4.2.10

Arqueoloxía: réquiem pola Pía do Frade de Axeitos, que estaba cerquiña do dolmen, en Ribeira

A “Pía do Frade “ era unha pedra que estaba a cincuenta metros ao sur do Dolmen de Axeitos. Grazas a os investigadores Florentino López Cuevillas e Fermín Bouza Brey, os cales nos legaron os riscados debuxos que a pedra tiña no seu arredor; puiden compoñer un virtual eiteiro representando as mesmas figuras que eles describiron en canto a súa distribución en dito penedo.


Antes de rematar o debuxo, amoseillo a un señor maior do lugar de Axeitos. Un pouco sorprendido, o vello pensou que era unha foto de como el a lembraba cando era neno. Tamén me dixo que no alto do penedo facía como unha gran cazoleta onde os veciños botaban a secar o millo. Isto da Pía do Frade fainos pensar que na súa orixe ben puido ser un santuario druída onde neste teofánico templo o frade ofertaba  ás divinidades os produtos da terra.


Folclore:

Entre a  Pía do Frade e a Pedra do Mouro, hai unha trabe de ouro.


      A pedra, segundo me contaron, desapareceu a berros de barreno, e o pedrugallo resultante foi para levantar unha casa en Sirves. Cando os canteiros acabaron con ela, en ringleira india  ían dereitiños para meterlle o dente ao Dolmen de Axeitos. Salvouse por un chisco! Agora o entorno da gusto velo


     A Deputación, cos seus honorables técnicos, deseñaron un cerre  para delimitar o eido onde se atopa o Dolmen, que mesmo che fan saltar as bágoas ou os miolos de carraxe ao contemplar o uso que lles dan aos nosos impostos. Técnicos,  políticos da Deputación, alcaldes e concelleiros invitados aínda teñen a desvergonza de acercarse a bendicir tales trangalladas.

 

    Coa boca esbarrada, a amorfa veciñanza , embelesada pola fashion dos engominados aristócratas que baixan dos escintilantes audis, escachan coas mans de pau en enxebres aplausos inconscientes da súa imbecilidade, invitándoos  a que sigan agredindo á paisaxe e aos sacros chans. Cos nosos impostos, facer tal burrada! Un ten que ser de de madeira de coleiro para non insultalos.


    Acostumados a tales aberracións, rematamos pensando que xa é así, e coa boca aberta, non reaccionamos. Cando un se afai a ser vasalo, despois custa moito deixar de selo, pois esta condición vén ser coma como un xene ou atávica herdanza.


    Os de Noia gábanse da inversión que van facer no entorno da Pedra da Moura. Ollo, Alcalde. Primeiro visite a obra de enxeñeiría perimetral do entorno da anta de Axeitos. Non vaia ser que despois os seus súbditos lle pidan responsabilidades, pois se cadra estas paupérrimas denuncias van creando conciencia nos mal tratados rabaños como a “Santa Madre Igrexa"  nos define, e co cambio climático —nunca se sabe—, poida que tamén se dea a miragre, e rexurda unha nova fusquenlla: tampouco sería de estrañar.

Para poñelo en antecedentes mándolle unhas fotos.

Domingo Regueira


Primeira  . Foto 1 (Debuxo da Pía do Frade)

Segunda: Foto 2 (Película Flahs)

Terceira: Foto 3 (Cerre de casqueiros pétreos)

Quinta. Foto 5 (Cova da Moura)

Sexta:  Foto 6  (Cerre de casqueiros pétreos )

(download)

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical