13.7.10

Expertos deseñan a axenda estratéxica para a Ría de Arousa, con Ribeira e Vilagarcía como motores económicos

Membros da Corporación de Ribeira e axentes socioeconómicos da banda norte da ría foron os seus interlocutores nestas xuntanzas

Ribeira, 13 de xullo de 2010.- Técnicos cualificados da entidade Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular reuníronse hoxe en Ribeira co obxectivo de avanzar na elaboración dunha Axenda Estratéxica para a Ría de Arousa que vala de instrumento para marcar prazos e delimitar prioridades na procura da  dinamización social e económica do conxunto deste contorno territorial. O que se pretende é a elaboración dunha folla de ruta en cuxa confección están actuando como principais motores as cidades de Vilagarcía e Ribeira na súas calidades respectivas de capitais de comarca.

A primeira das xuntanzas, que se celebrou na Casa Consistorial ribeirense entre as 10 e as 14 horas, tivo como interlocutores a unha ducia de membros da Corporación Local, incluíndo ao seu alcalde, José Luis Torres Colomer, a catro concelleiros da Corporación (Vicente García, Juana Ermitas Crugeiras, José Manuel Brión Gago e Elvira Pereira), e a distintos técnicos municipais. Esta xuntanza tivo por obxecto recoller as visións cualificadas destes membros da Administración Municipal e contrastar con eles un primeiro esquema de temas ou eixos estratéxicos a ter en conta para a confección da axenda, que xiran en torno aos seguintes conceptos: desenvolvemento sostible e ordenación do territorio; turismo e desenvolvemento socioeconómico; e administración local e xestión.

Déronse cita na Casa do Concello os seguintes expertos do Eixo Atlántico: en materia de desenvolvemento sostible e ordenación do territorio, Luís Ramos (da UTAD, Universidade de Tras-Os-Montes e Alto Douro, que tamén é o coodinador dos traballos); en canto a turismo e análise estratéxica, Xulio Pardellas de Blas e Alfonso Sola Limia (da Universidade de Vigo); e en xestión pública e análise xurídica, Pablo González Mariñas (ex- político, agora na Universidade de A Coruña).

Xa pola tarde, e dentro do mesmo obxectivo de recopilar a maior e mellor cantidade de datos posible a fin de que no estudo de diagnose previo queden plasmadas todas as inquedanzas do territorio, houbo unha nova reunión (esta vez no Conservatorio Municipal) dos técnicos do Eixo citados, ademais de Emilio Fernández e Gonzalo Méndez (ambos da Universidade de Vigo e expertos en sustentabilidade).

Esta vez, os seus interlocutores foron os representantes dunha vintena de colectivos sociais, turísticos, veciñais e económicos que son protagonistas, tanto no municipio ribeirense como nalgúns casos na banda Norte da ría. Tal é o caso da Mancomunidade Arousa Norte, o Centro Empresarial da Construción da Barbanza (CECB), a Asociación de Empresarios Turísticos Arousa Norte (AETAN), a Asociación Mar e Terra, a Asociación de Desenvolvemento Local Deloa, a Unidade de Promoción e Desenvolvemento Banbanza-Noia ou Ámbar, ademais da Asociación de Empresarios de Ribeira, a Asociación de Amas de Casa, as Confrarías de Pescadores de Aguiño e de Ribeira, a Asociación de Armadores de Palangre de Ribeira e Aguiño ou as Comunidades de Montes Veciñas de Oleiros e de Olveira, entre outros. 

Os expertos do Eixo Atlántico efectuarán mañá outra xuntanza semellante en Vilagarcía de Arousa.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Publicar un comentario

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical