20.1.11

Pesca e Mar: o Psoe denuncia que a Consellería de Mar non executou 53 millóns de euros

Marisol Soneira, portavoz de Pesca do PSdeG, di que isto "evidencia o fracaso, a incapacidade e a falta de liderado" da conselleira e que hai "toda unha marxe de ineficiencia entre a propaganda oficial e a realidade, así como unha irresponsabilidade gravísima na actual coxuntura económica e laboral". O remanente de crédito sen executar máis grande, 31 millóns de euros, é o referido a acuicultura

Barbanza-Noia, 20 de xaneiro de 2011. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira anunciou hoxe que rexistrou varias iniciativas parlamentarias para reclamar explicacións á Conselleira do Mar pola a tramitación dunha baixa de crédito por importe de 53.496.513,53€ de distintas aplicacións orzamentarias correspondentes ao Fondo Europeo da Pesca (FEP) e Transferencias finalistas do Estado. Replica que a baixa deste volume de crédito é a certificación do fracaso, da incapacidade e da falta de liderado social. Todo iso nun contexto de crise económica e cuns fondos que teñen data de caducidade. 

A deputada socialista afirma que esta petición evidencia o recoñecemento da incapacidade de xestionar a cuarta parte do orzamento da Consellería do Mar para o exercicio de 2010 . Subliña que entre a propaganda oficial e a realidade existe toda unha marxe de ineficiencia,  e de irresponsabilidade gravísima na actual conxuntura económica e laboral. 

Na iniciativa rexistrada a portavoz de Pesca relata que a proba máis evidente desa irresponsabilidade é a argumentación pola que a Consellería do Mar solicita da Consellería de Facenda unha baixa desta dimensión. Así, no escrito dirixido o departamento da Sra. Currás, dise literalmente nalgún dos apartados: 

Medida 3.5 de Operación piloto (1.100.000), unha vez atendidas as convocatorias para o presente exercicio se prevén remanentes que non se utilizarán... 

Medida 2.1 Acuicultura (31.395.000,00) Existen remanentes de crédito de exercicios anteriores que se veñen incorporando, a execución orzamentaria é baixa debido a non estar posto en marcha o Plan de Acuicultura ao que se engade o que as grandes empresas non podan acceder ás axudas, o que provoca a existencia de remanentes que se propón dar de baixa... 

Medida 3.1 Accións colectivas (5.500.548,58) os remanentes de crédito que existen nesta aplicación non se prevén executar polo que se solicita a súa baixa... 

Medida 3.2 Protección da flora e fauna acuática (542.163,95) os remanentes de crédito que existen nesta aplicación non  se prevén executar polo que se solicita a súa baixa... 

Medida 3.3 equipamento portos pesqueiros (3.355.000,00), para executar estes créditos resulta preciso contar con proxectos encadrados nun plano de actuacións en portos que se está a elaborar, polo que é imposible executar a totalidade, propoñendo a baixa indicada... 

Medida 4.1 Desenvolvemento sustentable de zonas pesqueiras (8.172.071,01), unha vez cifrados os compromisos derivados da orde de convocatoria para este exercicio se prevé a existencia de remanentes que non se utilizarán e que se propón dar de baixa.


Con estes argumentos Soneira advirte que a Consellería do Mar recoñece que non é capaz de animar o sector a presentar proxectos piloto que aproveiten todas as posibilidades que o financiamento europeo e do Estado lle ofrecen. Denuncia que o Plan de acuicultura está paralizado xa que non é capaz de dinamizar o sector para que presenten proxectos colectivos, explica que para a Consellería a protección da flora e da fauna están a marxe das súas preocupacións. Replica que a Conselleira desprezan os proxectos herdados do Goberno anterior para investir nos portos galegos, e son incapaces de elaborar outros alternativos. 

A deputada socialista rexistrou unha interpelación e unha pregunta para coñecer; 

1.ª) Que razóns obxectivas levaron á Consellería do Mar a solicitar a baixa dunha cuarta parte do orzamento de 2010 cando a situación económica e laboral de Galicia, e máis concretamente do sector pesqueiro e marisqueiro, é  a que todos coñecemos? 

2.ª) Cando ten previsto a Consellería do Mar abordar o Plan de acuicultura de Galicia e animar ás empresas a investir neste sector? 

3.ª) Que medidas ten posto en marcha a Consellería do Mar para animar, incentivar e favorecer a presentación de proxectos colectivos que permitan o desenvolvemento económico e laboral das nosas comarcas costeiras? 

4.ª) Considera a Consellería do Mar que a flora e a  fauna mariñas non merecen ningunha protección? 

5.ª) Como é posible que Portos de Galicia careza de proxectos onde investir os recursos orzamentados?


6.ª) Como é posible que se dean de baixa oito millóns de euros para o desenvolvemento sustentable das zonas pesqueiras cando a Consellería do Mar está reducindo á metade as subvencións aprobadas polos GAC para proxectos produtivos? 

7.ª) É consciente a Sra. Conselleira de que nos estamos a xogar, posiblemente, os últimos fondos procedentes da UE para modernizar o noso sector pesqueiro e marisqueiro?

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Publicar un comentario

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical