20.1.12

Cultura: "Amigos e sodomitas", do ribeirense Carlos Callón, gaña o premio Fervenzas Literarias

Image002

Amigos e sodomitas, de Carlos Callón, gaña o premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de ensaio e investigación de 2011

O autor de Ribeira xa recibira por esta obra o premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2011

 

Media_httpfarm7static_hgcog

Sereo na esquina da Moeda Vella, a rúa das putas da Idade Media en Compostela


Ribeira, 20 de xaneiro de 2011.- O libro Amigos e sodomitas, de Carlos Callón (Ribeira, 1978), acaba de colleitar un novo recoñecemento, ao facerse co prestixioso galardón Fervenzas Literarias á mellor obra de ensaio e investigación publicada o ano pasado. Esta distinción súmase ao premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, que lle foi entregado o pasado mes de outubro, e a unha excelente recepción crítica, tanto en Galiza como fóra das nosas fronteiras, especialmente en México e no Brasil, aínda que tamén fose noticia en medios do Perú, Chile ou a Arxentina.

Amigos e sodomitas, publicado por Sotelo Blanco, explica desde o rigor porén cunha linguaxe divulgativa como apareceu o prexuízo contra a homosexualidade na Idade Media. En palabras do seu autor, “tenta ser un grito da razón contra a falsificación da historia da sexualidade e, tamén, na medida en que se lle dá protagonismo á rica documentación do reino de Galiza, contra a falsificación da historia do noso país”.

A divulgación do matrimonio homosexual máis antigo documentado na Península Ibérica (en Rairiz de Veiga, no século XI) ou a novidosa análise das opcións sexuais na lírica galego-portuguesa medieval (que inclúe a atención a unha cantiga de amor entre dous homes no século XIII) son algúns dos principais focos da atención que está a recibir este libro. Esta recepción é especialmente feliz para unha obra escrita e publicada na lingua de Galiza.

 

Algunhas opinións sobre Amigos e sodomitas


Pedro J. Ramírez, director de El Mundo: “Unha moi interesante reflexión contra a homofobia”.

Revista M Semanal, de México: “A valentía do texto de Carlos Callón (...) radica sobre todo en que salta a ñoña concepción historiográfica que manteñen moitos dos historiadores españois, formados na ditadura de Franco baixo os eixos e ollos católicos máis retrógrados. Os seus coñecementos como filólogo e a súa proximidade ao mundo LGBT conseguen facernos ver con outro prisma aqueles séculos”.

Xurxo M. Ayán, historiador: “Encontrámonos diante dunha obra verdadeiramente revolucionaria dentro do sistema cultural galego”. “Amigos e sodomitas é auténtica investigación de rescate, máis tamén un libro que se achega á realidade social do presente, grazas tamén ao perfil comunicador e divulgador dun autor que se atopa preto da rúa, dos leitores.”

Armando Requeixo, crítico literario: “Ameno e ben informado, Amigos e sodomitas é un ensaio de máis que recomendable lectura que (...) ‘prende novos farois’ para alumar, dende o histórico, unha realidade sobre a que pairaban abondas sombras.”

 

http://www.carloscallon.com
http://twitter.com/carloscallon
http://www.facebook.com/pages/Carlos-Callón/206383346069097

http://soteloblancoedicions.com



Antes, en Certo:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical