8.2.12

Medio Ambiente: a Sociedade Galega de Historia Natural pide plans de uso e xestión para Corrubedo e outros parques naturais e humedais

Media_httpfarm8static_gowrb

Vista das lagoas de Cospeito

Barbanza, 8 de febreiro de 2012. A Sociedade Galega de Ornitoloxía e a Sociedade Galega de Historia Natural consideran que a protección dos humidais galegos, en liñas xerais, é suficiente sobre o papel pero amosa eivas moi importantes no campo da súa aplicación real:

- Carencia (case) absoluta de plans de uso e xestión, mesmo para os humidais Ramsar de importancia internacional e a súa contorna (Ribadeo, Ortigueira, Valdoviño, Corrubedo e Umia-Grove-Carreirón).
- Urbanismo e acuicultura mal planificados, ou mesmo fóra de control, na beiramar.
- Contaminación agro-gandeira difusa, roturación de terras marxinais asolagables para “cazar primas” da UE e extracción excesiva de augas para regadío (A Limia, Terra Chá).
- Efectos directos e indirectos dos lumes sobre os humidais de montaña.

A nivel lexislativo é moi lamentable, di a SGHN, que a nova Lei de Augas de Galicia ignore as zonas húmidas e non adique nen un só artigo á restauración dos sistemas hidrolóxicos degradados na actualidade, nin siquera nas zonas de especial protección das rías (que acubillan os 5 humidais Ramsar galegos) onde, sexa boa ou mala a calidade das súas augas, confórmase con que non empeore.

A nivel executivo é igualmente lamentable que en Galicia a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Confederación Hidrográfica do Duero (bacía do río Támega) non estean a exercer as súas competencias para garantir “a conservación e o uso racional dos humidais e os seus recursos”, como establece a Convención de Ramsar, da que España forma parte.

Por outra banda, bótase en falla a necesaria colaboración entre administracións, universidades e entidades conservacionistas para avanzar na procura dos obxectivos da Convención de Ramsar en Galicia.

Malia esta problemática, os humidais galegos non son só fonte de auga e vida senón tamén de esperanza: basta darlles unha oportunidade e devolven con creces o esforzo investido, aseguran dende esta asociación conservacionista.

Hai 13 anos a biodiversidade da lagoa de Cospeito sobrevivía entre augas máis propias dunha alcantarilla. Despois dunha recuperación parcial hoxe é un humedal moi valioso dende o punto de vista botánico e de hábitats. ¿A qué agardamos para unha recuperación máis ampla, que devolva o funcionamento natural a súa contorna inmediata asolagable temporalmente? Unha intervención ben planificada e executada permitiríalle a Cospeito amosar todo o seu potencial faunístico, especialmente ornitolóxico, no caso de dúas aves coas poboacións reprodutoras ameazadas de extinción en Galicia: a avefría e o mazarico.

O éxito sería rotundo se se abordase tamén a recuperación do resto do mosaico de humedais da Terra Chá ... e, sen dúbida, de repercusións internacionais se se recuperase parcialmente Antela e o complexo húmido de A Limia.

Daquela os galegos poderíamonos gabar de que, dende un punto de vista ambiental, por fin Galicia entrou no século XXI.

SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL
Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o medio natural galego
Apartado de Correos nº 330 ; 15780 SANTIAGO DE COMPOSTELA
www.sghn.org        e-mail:sghn@sghn.org


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical