10.2.12

A Pobra: detectan poboación sen dar de alta no padrón e solicitan que se inscriban

Foto

A Pobra do Caramiñal, 10 de febreiro de 2012. O concello da Pobra informa aos seus veciños das vantaxes das que se poden beneficiar estando dados de alta no padrón municipal. A concelleira de Servizos Sociais, Balbina Lojo Olveira, e o Axente de Desenvolvemento Local, Luis Miguel Domínguez, falaron hoxe das axudas polas que se pode optar pero para as que resulta imprescindible estar ó día no padrón local, como poden ser: axudas para a rehabilitación ou renovación de vivendas, asistencia domiciliaria, bonificacións ou exencións en determinados impostos...,  polo que recomendan que todos aqueles que residan no concello e non teñan estes datos actualizados, leven a cabo a renovación dos mesmos.

Dun tempo a esta parte, segundo informaron hoxe en rolda de prensa no Concello, "estase a observar que nas distintas parroquias da Pobra do Caramiñal, e en especial na do Caramiñal e do Castelo, hai moitas persoas que habitan nelas pero non están dadas de alta no padrón de habitantes. Por isto, desde o Departamento de Estatística do concello queremos informar que, atendendo á lexislación vixente e máis concretamente, á Lei de Bases de Réxime Local no seu artigo número 15, na súa redacción dada pola Lei 4/96, disponse que “toda persoa que viva en España está obrigada a inscribirse no padrón de habitantes do municipio no que resida habitualmente. Quen viva en varios municipios deberá inscribirse unicamente naquel no que resida a maior parte do ano”.

Segundo aclarou o equipo de goberno, "o empadroamento é polo tanto un deber de todos os cidadáns. Por outra banda, queremos lembrar que figurar empadroado da dereito a optar ás subvencións e as axudas que por distintos conceptos outorgan as diferentes administracións públicas, sexa a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial ou o propio concello. Como exemplo delas podemos falar das axudas para a rehabilitación ou renovación de vivendas, adquisición de vivendas protexidas, becas de estudos, fillos menores de tres anos, bus universitario, asistencia domiciliaria, as bonificacións ou exencións en diferentes impostos e taxas, entre outras, para as que é necesario aportar un certificado de empadroamento, sen o cal non se conceden. Así mesmo, lembrar tamén a todos os veciños que para poder exercer o seu dereito ao voto en todos os comicios (xerais, autonómicos, locais, europeos) é necesario e preceptivo figurar no censo electoral, e este documento confecciónase en base e ós datos do padrón municipal de habitantes. De feito, nas pasadas eleccións locais e xerais, foron varios os veciños que non puideron exercer o seu dereito ao voto por non estar debidamente empadroados a pesar de levar xa moito tempo residindo no noso concello".

Non residentes con segunda vivenda

Tamen se fixo referencia aos que viven en varios municipios por tempadas, que no caso concreto da Pobra "existe unha bolsa de non residentes que contan cunha segunda vivenda aquí, e que no caso de pasaren a maior parte do ano no noso concello deberían rexistrarse no noso padrón. Por todo isto, todos os veciños deben comprobar persoalmente a súa inclusión no padrón e no caso de non figurar nel solicitar a súa alta de inmediato", concluíron.

Pode que tamén lle interese:


Viaxe a Lalín: este domingo 12, á Feira do Cocido e O Corpiño


Entroido 2012: programación prevista


Viaxe: a Madrid, do 22 ao 25 de marzo. Anótate!

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical