10.2.12

Ribeira: programa municipal de Entroido 2012

Entroido

Ribeira, 10 de febreiro de 2012.- A concelleira de Cultura, Elvira Pisos Arnoso, deu conta esta mañá do programa de Entroido que estivo a preparar a Administración Local para un municipio en que esta festa goza dunha gran tradición entre a veciñanza.  

Segundo explicou a edil, este ano o Concello optou por deseñar un programa específico para catro xornadas (dende o domingo 19 ata o mércores 22 de febreiro), deixando os dous días previos (17 e 18) para colaborar co tecido social na organización de festivais e festas infantís, como é o caso de Amas de Casa, as ANPAS de distintos centros educativos ou as sociedades como o Centro Recreativo de Artes, o Círculo Mercantil ou o Liceo Marítimo, entre outros. “Deste xeito contribuímos a que a oferta sexa moito máis ampla e variada respectando a tradición da organización de bailes de Entroido que teñen moitas das asociacións do municipio”, declarou a titular de Cultura. 

Na presentación do programa tamén interviu Unai González, técnico de Cultura, quen destacou que á hora de redactar as bases do festival de murgas e comparsas se tiveron en conta outras celebracións semellantes con gran repercusión en Galicia (como é o caso do Grove, Pontevedra, A Coruña) e incluso España (como Badajoz ou Santoña). Isto propiciou que este ano se visen interesadas agrupacións de procedencias foráneas como Tomiño ou Muros, e que se incrementase tamén o interese dentro do propio termo municipal ao figurar xa inscritas tres novas murgas, “o cal demostra o éxito dos cambios ao aumentar a motivación e a calidade do festival coa introdución de premios en metálico”.  

O traballador cultural tamén destacou o traslado deste festival ao martes do Entroido, ubicándoo na súa data de celebración tradicional, e que fora precisamente o detonante de que a Corporación Municipal decidise no seu día designar esa data como festivo local. “Ademais, este cambio permítenos que o Festival Infantil recaia en fin de semana (domingo), atendendo así unha petición da cidadanía que por traballar ou vivir fóra non podían traer aos fillos á actividade”, concluíu. 

En canto á programación municipal de Entroido, constará das seguintes actividades: 

Domingo 19:

    Choqueirada infantil: ás 16.30 horas na Carpa do Entroido (rúa de Portugal) dará comezo esta festa para os máis cativos, que estará amenizada por animadores de xogos, mascotas, desfile de disfraces con entrega de diplomas, inchables, espectáculos de Bob Esponja e Patricio… 

Luns 20:

    Festa de noite de Entroido: Música, luces, animación e música na Carpa de Entroido, a partir da medianoite. 

    Verbena do Entroido: Novidade. Actuación da Orquestra Ismael na praza de España desde as 23 horas.

Martes 21:

    Festival de Murgas e Comparsas: Ás 17 horas saída do Auditorio acompañadas polas charangas Paradela (Lugo), Os Armadanzas (Boiro) e Tíralle do Aire (Ribeira). As murgas adultas competirán por un primeiro premio de 1.000 euros, un segundo de 500 e un terceiro de 350. Tamén haberá un premio local doutros 350 euros. O evento desembocará na praza do Concello, no que se desenvolverá o festival (salvo que por mal tempo teña que ser trasladado ao Auditorio). 

    Media_httpfarm4static_jhesi

Mércores 22:

    Enterro do Felipe: Saída do acompañamento ás 19.30 horas  dende o Auditorio pasando polas rúas da cidade ao compás da charanga “O Santiaguiño” ata chegar á praza dos Mariñeiros, onde será incinerado. Unha vez enterrado, haberá preñados, orellas e rosquillas (ademais de bo viño e outras bebidas) na Carpa do Entroido habilitada na rúa de Portugal. 
     

O disfrute de todas estas actividades é gratuíto. Elvira Pisos agradeceu no nome do Concello a colaboración de todas as asociacións, agrupacións e entidades colaboradoras co entroido, tanto nas actividades municipais como no concuros de murgas e comparsas, o enterro do Felipe, etc… así como nas actividades propias que organizan nos seus locais.

Antes, en Certo:





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical