24.4.12

Medio Ambiente: Adega asegura que os recortes da Rede Natura da Xunta en Barbanza son para agasallar ás empresas eólicas

Barbanzadef

  • O goberno de Feijóo fomenta eólicos sobre hábitats prioritarios e especies ameazadas


24 de abril de 2012. Segundo informa hoxe Adega, "a cativa ampliación da Rede Natura 2000 que hai uns meses presentou a Xunta contrastaba coa proposta que a administración tiña lista en 2008. As razóns dos "recortes": Deseñar uns espazos protexidos a medida dos intrereses amigos. Agora as probas desta "doma e castración" da Rede Natura galega abrollan: o que ía ser un dos LICs máis extensos na prevista ampliación de 2008, a Serra do Barbanza, caeuse da proposta do PP para deixar sitio á cobiza da patronal eólica. Nada menos que 3 hábitats cuxa conservación é prioritaria para a UE e ducias de especies ameazadas e endemismos sufrirán os efectos dos recortes de Feijóo e o seu conselleiro de Infraestruturas Hernández. Até cando imos consentir esta aldraxe?".

As instalacións do parque eólico “O Barbanza”, promovidas por Norvento, sitúanse sobre unha área proposta pola Xunta en 2008 (bipartito) para formar parte da Rede Natura 2000 e designada como “LIC Serra do Barbanza” (cód. ES1110019), cunha extensión de 4.711,15 hectáreas. Este novo LIC respostaba á necesidade de aumentar a representatividade dos hábitats húmidos da rexión bioxeográfica atlántica. Casualmente, este espazo "caeuse" recente proposta de ampliación presentada polo PP, malia a contar cunha serie de valores naturais sobre cuxa insuficiente representación en Galicia, a UE apercibíu en repetidas ocasións a España:

Na Decisión da CE, 2004/813/CEE, do 7 de decembro de 2004, pola que se adopta a listaxe de Lugares de Importancia Comunitaria da Rexión Bioxeográfica Atlántica (DOUE L 387, 29/12/2004), formúlase para o estado español a necesidade de mellorar a representatividade de determinados hábitats, contando en Galiza cos tipos prioritarios Queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliaris e E. tetralix (4020*) e as Turbeiras altas activas (7110*), entre outros. Transcorridos 7 anos dende esta Decisión, e perante a renuencia do estado español e da Xunta a ampliar a representividade destes hábitats, a Comisión voltou a lembrar, en resposta a unha nova pregunta escrita do grupo Verdes-ALE (E-000364/2011) que “os hábitats de interese comunitario 7110 «Turbeira alta activa» e 7140 «Turbeiras de transición e flotantes» non están suficientemente representados na rexión de Galicia” polo que o “Reino de España debería designar como LCI [LIC] varias zonas máis para cubrir as insuficiencias observadas en Galicia”.

Este parque eólico “O Barbanza” ocupará áreas con presenza non de un, senón nada menos que 3 hábitats prioritarios: Breixais húmidos atlánticos, cód. 4020*; Turbeiras altas activas (7110*) e Formacións herbosas con Nardus (6230*), para os que a Directiva 92/43 CE de Hábitats establece a necesidade de adoptar medidas especiais de protección. Alén disto, as pistas, gabias, subestacións, muíños, etc. van ocupar un humidal incluido no Inventario dos Humidais de Galiza, concretamente as “Brañas da Serra do Barbanza” (código 1110118). E a respeito das especies protexidas, ducias de taxóns vexetais e animais incluidos no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, moitos deles endémicos, van verse "afectados" por estas obras. Resulta patético que a empresa (Norvento) diga no seu Estudo de Impacto que "No referente ás medidas preventivas e correctoras nos Planos de Conservación das especies do Catálogo Galego de Especies Ameazadas, [...] presentes na zona de afección, [...] solicitouse á documentación pertinente a administración, sen recibir resposta". Como van recibir resposta se a Xunta só presentou en 5 anos 4 planos de Conservación das máis de 200 especies ameazadas galegas?

"Este é outro exemplo da demolición controlada que a Xunta está a perpetrar na Rede Natura 2000. Tanto ten que perdamos o millor do noso patrimonio natural; tanto ten que a UE ameace con fortes multas (que pagarermos todos/as) para castigar a preguiza da administración e que as leis ambientais sexan sistemáticamente violadas: o que importa é que uns poucos poidan seguir chuchando do teto eólico mentres a nosa natureza convírtese nun inmenso polígono industrial en ruinas", rematan os de Adega.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical