21.4.12

Rianxo: as zanfonas saíron á rúa, polo menos cinco minutos, na "Zona da Zanfona"

Rianxo, 21 de abril de 2012. Comezou a rolar a Zona da Zanfona, o Encontro Internacional sobre este instrumento que aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular,  leva organizando desde o 2005 e que achega figuras de renome mundial para amosen o seu maxisterio e arte ao público galego. Este ano o festival transladouse a Rianxo logo de sete anos en Narón e a resposta do público local -segundo os organizadores- está sendo moi positiva.

As actividades céntranse nun curso de experiencias prácticas cos zanfonistas franceses Patrick Bouffard e Gilles Chabenat, dous dos mellores zanfonistas de Europa con máis de 25 anos de carreira. Este curso ten inscritas 22 persoas de toda Galicia que reciben as aulas maxistrais destas dúas figuras. O curso transcorre este sábado e domingo no Auditorio.

Pero o programa comezou o venres pola tarde cunha xuntanza destes cursillistas e outros músicos no centro de Rianxo que sacaron as "zanfonas á rúa", nome que recibiu esta actividade. Esta acción sonora quedou deslucida porque xusto cando levaban cinco minutos tocando comezou a chover e tivéronse que resgardar na Biblioteca Municipal, levando consigo ao público curioso que quería oir como soaban estes "sintetizadores medievais".

Xa pola noite no Auditorio os presentes desfrutaron dun magnífico concerto dos mestres convidados para esta edición Patrick Bouffard e Gilles Chabenat que presentaron por primeira vez na Península o seu disco "Tour à Tour" (Volta a volta) nun exercicio de virtuosismo sen parangón sobre composicións de inspiración na música popular pero que ás veces tiña máis un parecido cun concerto de rock. Este dúo de zanfonas posúe un groove -sensación ritmicamente expansiva- que o público non agardaba e quedaron moi sorprendidos.

Este sábado pola noite terá lugar no cámping de Rianxo o palco aberto, unha foliada aberta a calquera persoa que queira compartir a súa música con estes zanfonistas. Despois da cea e até que a corda aguante.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical