19.4.12

Ribeira: aproban de xeito definitivo o Regulamento Orgánico Municipal

Articulado do Regulamento Orgánico Municipal.doc Download this file

  • O anterior era de 1986
  • Búscase maior transparencia na xestión municipal
  • Unha das novidades destacadas é a celebración dun "Debate sobre o estado do cidade", que terá lugar no primeiro semestre de cada ano



Ribeira, 19 de abril de 2012.- O Boletín Oficial de Provincia do día de hoxe recolle a aprobación definitiva do Regulamento Orgánico Municipal do Concello de Riveira que fora sometido á consideración da Corporación nun pleno extraordinario do mes de febreiro e foi aprobado por unanimidade.

 

Transcorrido o preceptivo prazo de dous meses dende a publicación da súa aprobación inicial sen que se presentara ningunha reclamación, o BOP expresa que se entende definitivamente aprobado o texto do Regulamento, que entrará en vigor aos quince días da súa publicación, segundo o previsto no artigo 65 da Lei de Bases Réxime Local.

 

Este regulamento orgánico (en cuxa elaboración foron partícipes todos os grupos políticos) constitúe un paso máis cara á efectiva modernización do Concello de Ribeira.

 

O anterior regulamento do Concello databa do ano 1986. Agora pásase dos 83 artigos deste caduco documento aos 146 artigos do actual, e gran parte do novo articulado está dirixido a garantir os dereitos de participación de todos os concelleiros no devir do Concello, sen distinción do partido político ao que pertenzan, ben sexa do equipo de goberno ou da oposición.

 

O novo regulamento perfecciona as obrigas contidas na declaración de intereses e rexistro de bens dos concelleiros obrigando a dar conta dos cambios que puidesen producirse e aplicar a máxima transparencia, obrigándose á publicación na páxina web do concello dos salarios, indemnizacións e axudas de custo (dietas), dos concelleiros e do persoal eventual.

 

Recóllese que todos os grupos poidan contar con dotación económica en función de membros con que conte cada un deles, así como dispor na Casa do Concello ou nun inmoble próximo dun despacho para recibir as visitas dos cidadáns cando non haxa  inconveniente que o impida.

 

No novo regulamento recóllense as diversas modificación que sufriron nos últimos anos a lexislación referente ás entidades locais, onde destaca a modificación da Lei 7/1985 de 2 abril, reguladora das bases do réxime local pola Lei 11/99 de 21 de abril e a Lei 57/2003 de 16 decembro tras a que se introducen termos como a que foi chamada “introdución na administración local da administración electrónica” para poder axilizar a, en ocasións, lentitude do procedemento administrativo posibilitando as comunicacións electrónicas.

 

Así mesmo este regulamento posibilita e dá cabida a principios como o de transparencia e publicidade na xestión da corporación favorecendo a publicación das convocatorias e acordos dos órganos colexiados a través da páxina web do concello, e por todos os medios electrónicos admisibles, evitando así o innecesario gasto en tempo, papel e notificacións que ata o de agora se viñan dando.

 

Axiliza e achega a información aos concelleiros, regulando como se accede a esta. Obriga a motivar as denegacións de información, e tamén establece a autorización de acceso por silencio administrativo en caso de non contestar no prazo de cinco días a solicitude de acceso a esta.

 

Inclúe, ademais dúas ordenanzas de órganos de participación como son o Consello local de pesca e o Consello escolar municipal, ademais de impoñerse a obriga de desenvolver un regulamento de participación cidadá que se engadirá, como anexo, no presente regulamento.

 

Dálle igualmente carácter de órganos complementarios á xunta de voceiros e á xunta de coordinación, definindo as súas funcións e a periodicidade das reunións e créanse, así mesmo, as comisión informativas de estudo, informe e consulta sobre asuntos concretos.

 

Debate do estado da cidade

A parte máis nova ten que ver coa regulación dos órganos de goberno e máis concretamente do Pleno do concello, máximo órgano de representación municipal e que ten importantes novidades que fan deste regulamento o máis avanzado de cantos existen en concellos de similares características ao noso.

 

Así regúlase o debate do estado da cidade que deberá celebrase no primeiro semestre de cada ano, exceptuando o ano electoral no que a nova corporación dificilmente podería dar contas dun traballo non feito aínda. Do mesmo xeito deberá comparecer, por solicitude dos GGMM, cando así o acorde o Pleno, calquera concelleiro delegado para dar conta de calquera asunto da súa área de xestión. Tamén por solicitude dunha cuarta parte dos concelleiros ou proposta do alcalde poderá controlarse a xestión da Xunta de Goberno mediante a celebración dun pleno extraordinario convocado ao efecto.

 

Por último, regúlanse os votos particulares e o trámite de aprobación de emendas que pretende favorecer o acordo entre os grupos.






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical