4.4.12

Ribeira: "Encanínate", xornadas sobre cans o 15 e 29 de abril, o 13 e 27 de maio e o 9 de xuño

  • As actividades irán dende charlas a roteiros cos cadelos, así como diversas exhibicións do que ata hai pouco se consideraba o "mellor amigo do home"

 

Ribeira, 4 de abril de 2012.- O can e todo o que rodea ao animal -disque- máis fiel ao home van ser obxecto dunhas xornadas específicas que se celebrarán durante os meses de abril, maio e xuño. Coorganizadas polo Concello e as asociacións Sálvora, As Miñoteiras e Agacett, esta novidosa iniciativa- baixo o título de "Encanínate"- pretende ofrecer unha serie de pautas á hora do comportamento e coidado dos cans e concienciar de paso á poboación sobre as virtudes e cualidades dos mesmos.

 

O programa das xornadas estará dividido en tres bloques diferenciados, segundo informou o concelleiro de Deportes e Atención Cidadá, Juan Luis Martínez, quen estivo acompañado na presentación do evento do edil de Seguridade, Víctor Reiriz, e do presidente e o secretario da asociación Sálvora, José Antonio Sobrado e Johnathan Romay.

 

Así, os días 15 e 29 de abril e o 13 de maio a partir das 10 horas celebraranse unhas xornadas de socialización que estarán complementadas con sendas rutas caninas polo parque periurbano de San Roque. Estas rutas terán unha duración de 45 minutos e contarán coa participación de adestradores caninos profesionais que ensinarán todo o que hai que saber sobre os animais. Un vehículo con remolque acompañará ás expedicións por se houbese lesións e houbera que trasladar a algún animal ao veterinario.

 

Andaina Canina

Como corolario a este primeiro bloque de actividades, o día 27 de maio celebrarase unha Andaina Canina de 7,5 quilómetros de percorrido e un nivel de dificultade media que descorrerá polo monte San Alberto, Os Muíños e o entorno do petróglifo de Pedra das Cabras. A saída terá lugar ás 10 horas da pista deportiva de Deán e para poder participar nela hai que ter formado parte previamente de polo menos dous das rutas de socialización.

 

Un segundo bloque de actividades vén conformado por unhas charlas sobre o comportamento, coidados e responsabilidade coas mascotas. Terá lugar o 18 de maio no Conservatorio Municipal a partir das 10 horas e, entre os relatores que virán a Riveira a impartir as conferencias, figura o reputadísimo Daniel Weigend, xerente do Lobo Park de Antequera, que ten ao seu coidado 25 lobos de 5 especies distintas.

 

Agility e Mushing

Para finalizar Encanínate, o día 9 de xuño haberá unha exhibición de Agility (ou unha proba oficiase frutifican as xestións que se están a realizar) e outra de Mushing (modalidade de tiro con cans) coincidindo coa celebración en Ribeira do Día do Deporte na Rúa. Esta acción terá lugar na esplanada dos Xulgados.

 

As xornadas son gratuítas e os interesados en dispor de maior información e descargarse o regulamento poden visitar a páxina web do Concello (www.riveira.com) ou as redes sociais da Asociación Sálvora de facebook e tuenti (riveiratrekaventura). As inscricións hai que facelas na Oficina Municipal de Deportes situada no polideportivo de A Fieiteira (tamén por enderezo electrónico a riveira@deportes.com).

 

Razas perigosas

Todos os cans participantes (espérase que sexan non moito máis de trinta) deberán estar vacinados, ter microchip e estar suxeitos coa súa correspondente correa. No caso dos cans de razas perigosas, deberán ter bozo tipo redeciña, a licenza municipal en regla e estar acompañados dos seus donos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical