2.5.12

Noia: Feijóo segue a quentar motores na precampaña cunha inauguración dun anaco da variante noiesa, que se vai adiar un ano

  • Púxose en servizo o novo vial de conexión do enlace de Sampaio da VAP Brión-Noia coa estrada AC-543

  • Nun discurso electoralista, cualificou a zona como "unha das máis importantes de Galicia" pero esquecéuselle referirse aos expropiados que levan sen cobrar dende 2010

Fotos: Xunta de Galicia

Noia, 2 de maio de 2012.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego coa vertebración da Ría Muros-Noia con Compostela, reflectido na apertura, o vindeiro ano -tiña que ser para este-, da Variante de Noia e nun investimento de 155 millóns de euros. “Estamos vertebrando unha das zonas máis importantes de Galicia e cumprindo o compromiso de devolverlle as vilas aos cidadáns e que as estradas non interrompan os cascos urbanos. E estamos posibilitando que en Galicia se poda vivir nun sitio e traballar noutro; estamos posibilitando aquel vello sono de que o 80% da poboación galega estea a menos de 10 minutos dunha vía de alta capacidade”, manifestou o presidente da Xunta nun acto eminentemente propagandístico e pre-electoral ao que asistiron os alcaldes da bisbarra e mesmo o xefe da oposición noiesa -do PP-.

Durante a posta en servizo do novo vial de conexión do enlace de Sampaio da VAP Brión-Noia coa estrada AC-543, cun investimento de 1,7 millóns de euros; Feijóo salientou a aposta do Executivo autonómico pola Galicia “única e global” e afirmou que a nova infraestrutura supón achegar a Vía de Altas Prestacións Brión-Noia aos veciños da comarca e, sobre todo, de Noia e Lousame.

“En outubro de 2010, puxemos en servizo o treito Brión-Martelo do novo corredor; en xaneiro de 2011, inauguramos a ponte do Engano, en Outes; en febreiro de 2011, fixemos o propio en Lousame co treito Martelo-Noia, que conecta directamente a ría coa rede de estradas de altas prestacións da Xunta. E, hoxe é a cuarta data, na que poñemos a disposición unha conexión para poñer o corredor ao servizo de máis veciños”, lembrou Feijóo, logo de reafirmar que a próxima gran infraestrutura que o Goberno galego porá a disposición da Ría de Noia-Muros “será a conexión histórica e definitiva entre Porto do Son e Noia; será a Variante de Noia, que inauguraremos o próximo ano”.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Executivo autonómico recordou o compromiso deste Goberno, durante esta lexislatura, de manter os servizos públicos esenciais e de que, en plena crise económica, a sanidade, a educación e os servizos sociais avanzaran a pesar da diminución drástica dos ingresos da Xunta e das transferencias do Estado á Comunidade. “Pero tamén nos comprometemos –engadiu- a finalizar os investimentos estratéxicos de Galicia; e 155 millóns de euros de investimento nesta ría é a expresión máis gráfica, máis concreta e máis explícita dun esforzo en materia de infraestruturas para finalizar os grandes compromisos que asumimos en época de bonanza e que teñen que estar financiados en época de dificultade”.

Así mesmo, Feijóo subliñou que estes investimentos supoñen tamén eficiencias económicas, sociais e ambientais para a comarca. “Eficiencias económicas, porque estamos reducindo o consumo de combustible de máis de 8.000 vehículos que percorren este corredor; eficiencias sociais, porque estamos afastando os tráficos de longo percorrido do centro das vilas; e eficiencias ambientais, porque estamos minimizando a emisión de CO2 á atmosfera. 7.600 vehículos diarios deixaron de cruzar polo medio de localidades como Urdilde, San Xusto ou Albariza; e son 5.000 os vehículos diarios que deixaron de pasar polo centro de Outes ao utilizar a variante”. Uns razonamentos máis que dubidosos, pois todos os que circulamos por este corredor, que ten unhas pendentes enormes, sabemos que o consumo de combustible increméntase considerablemente. En canto ás eficiencias sociais: non opinan o mesmo os donos de negocios de hostalería dos pobos polos que xa non se pasa. Agora nin para un café se para neles.

Posible peaxe por autovías nun futuro cercano

Logo da ameaza do presidente do Goberno, o popular pontevedrés Mariano Rajoy, de que cada venres se ían tomar novas medidas de recortes -o que na neolingua popular se chaman axustes-, unha das medidas que máis sona é a de implantar unha peaxe, disque "branda", por circular por autovía. Por suposto, Feijóo en ningún momento aludiu a estas impopulares taxas, pois atópase en plena precampaña electoral, nin quixo falar dos expropiados por estas obras da variante que levan sen cobrar dende 2010. Tampouco fixo referencia, nin el nin o conselleiro de Infraestruturas, ao arraso para o Patrimonio que vai supoñer o viaduto sobre o castro de Taramancos nin a desfeita na paisaxe de toda esta zona, "unha das máis importantes de Galicia", ao entender -nas verbas pero non nos feitos- do presidente da Xunta da Galicia.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical