7.5.12

Ribeira: o Concello gabéase á moda da compostaxe doméstica da man de Sogama

  • Só no entorno rural "como medida de aforro económico e beneficio ambiental", disque
  • Tan só medio cento de vivendas recibirán composteiros domésticos e repartirán cen lotes de bolsas para separar lixo

Ribeira, 7 de maio de 2012.- O Concello, da man de Sogama, decidiu implantar un programa de compostaxe doméstica en medio cento de vivendas rurais, co que se busca transformar a materia orgánica xerada nun abono con excelentes propiedades para o solo, un costume que sempre houbo nas casas da aldea, onde nada se desbotaba, pero que se foi perdendo cos usos urbanitas.

Así o anunciaron esta mesma mañá o alcalde da localidade, Manuel Ruíz, e o presidente de Sogama, Luís Lamas, nun acto público que tivo lugar na propia Casa Consistorial e no que tamén compareceron os concelleiros de Benestar Comunitario e Medio Ambiente, Jesús Freire e Elvira Pereira.  O obxectivo desta iniciativa "non é outro que o de alcanzar os beneficios ambientais, económicos e sociais que este sistema trae consigo", sinala en nota de prensa o Concello. Disque ademais de contribuír a reducir a produción de refugallos en orixe, pechando o ciclo de reciclaxe da materia orgánica nos propios fogares, posibilita o menor depósito de desperdicios nos contedores convencionais, permitindo diminuír a súa frecuencia de recollida, así como o importe da factura que mensualmente o ente local debe pagar a Sogama pola xestión e tratamento do lixo convencional, un sistema que cada día ten máis detractores pola súa baixa eficiencia e polos problemas que xera coa incineración de residuos.

Dado que a separación de orgánicos no medio rural, ben para alimento do gando, ben para fabricación de abono, é unha práctica tradicional en Galicia, "non supón maior trastorno para as familias participantes, coa particularidade de que, seguindo a técnica recomendada, o compost resultante adoita reunir as máximas condicións de calidade, podendo ser empregado, en sustitución dos fertilizantes químicos, nas propias hortas, xardíns e terras de cultivo particulares", aseguran.

Primeira fase, 50 composteiros para os solicitantes

Nunha primeira fase deste programa, Sogama subministrou ao concello 50 composteiros de 360 litros de capacidade, fabricados a partir de material reciclado e reciclable, que serán distribuídos entre os fogares que voluntariamente decidan adscribirse a este proxecto. Así mesmo, dotaráselles cunha serie de manuais de apoio nos que se explican os pormenores a seguir no proceso caseiro de elaboración de compost, dando resposta ás preguntas máis frecuentes e erros máis comúns.

Mestres composteiros: o xoves en Carreira

A fin de garantir o éxito do programa, contarase coa figura dos denominados “mestres composteiros”, é dicir, persoas ao servizo do concello, entre estes os membros de Protección Civil, que se encargarán tanto de impartir charlas informativas nas distintas parroquias (a primeira será este xoves en Carreira) como de visitar periodicamente “casa por casa” para comprobar o funcionamento do sistema, resolver dúbidas e facer un seguimento de todos os pormenores que afecten ao seu bo discorrer.

Para isto, os mestres composteiros recibiron un curso específico de formación a fin de que conten cos coñecementos necesarios que lles permitan levar a cabo unha tarefa de asesoramento ás familias incorporadas a esta iniciativa e se encarguen de vixiar a evolución da experiencia de cara a garantir os seus bos resultados.

Por outra banda, e co obxectivo de intensificar a concienciación cidadá en torno á axeitada separación de residuos e posterior depósito nos diferentes contedores habilitados na vía pública, o goberno municipal procederá ao reparto de 100 lotes de bolsas de cores, de 20 litros de capacidade cada unha, coa finalidade de facer máis cómoda a segregación de refugallos en orixe. Cada lote está conformado por unha de cor amarela, na que depositar os envases de plástico, latas e briks, outra azul, para o papel e cartón, e unha terceira, de cor verde, para o vidro.

Así, coa práctica da autocompostaxe e a correcta recollida selectiva, o concello non só entregará menor cantidade de lixo a Sogama, o que suporá un importante aforro de custos, senón que incrementará en gran medida a porcentaxe de reciclado de cada material, recibindo máis ingresos por parte dos Sistemas Integrados de Xestión.

"Pero para beneficiarse desta medida precisa da activa implicación do conxunto da veciñanza, que pretende conseguir a través da información e a formación, a transparencia e o contacto permanente cos distintos colectivos, incentivando a súa colaboración e corrixindo as malas prácticas", sinalan dende o Concello.

Punto limpo

O alcalde tamén lembra que dende o Concello se está a promover unha campaña informativa sobre o punto limpo situado no polígono de Xarás, con cumprida información á que se pode acceder dende a páxina web do Concello: www.riveira.com





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical