26.6.12

Medio Ambiente: abre o prazo para voluntariado ambiental de Adega, o xoves 5 na Pobra e o xoves 19 en Porto do Son


Na Corna, A Pobra, Adega denunciou que o concello rozou flora endémica para acadar bandeira azul

Barbanza, 26 de xuño de 2012. A Fundación Biodiversidad vén de seleccionar dúas  actuacións propostas por ADEGA no marco da iniciativa Playas, voluntariado y custodia del territorio, xunto con outras 30 actividades en todo o estado. ADEGA abre o prazo de inscrición para estas xornadas de voluntariado ambiental.

 

Ademáis de seguir divulgando a problemática das especies invasoras, e a importancia de conservar os ecosistemas dunares, estas accións teñen por obxectivo aumentar a concienciación cidadá, divulgar e promover iniciativas de custodia litoral, facilitando ferramentas de conservación. Outros dos obxectivos é acadar un mellor estado ecolóxico destes dous ecosistemas dunares.

A primeira iniciativa seleccionada pola Fundación foi Mares sen plástico: limpeza simultánea de praias que se realizou en toda Galiza o día 8 de xuño (día dos océanos) e que conseguiu mobilizar a 700 persoas en 25 areais dende Nigrán a Ribadeo pola defensa das praias e en contra da contaminación mariña. Agora ADEGA convoca a segunda actividade que leva por lema Conservando as nosas dunas. Trátase de dúas actuacións de voluntariado ambiental que se desenvolverán nos días 5 e 19 de xullo.

A Pobra do Caramiñal

O xoves 5 de xullo, as actuacións de voluntariado serán na praia da Corna (Pobra do Caramiñal), onde realizaremos labores de eliminación de flora exótica invasora e limpeza do areal. Esta praia ten un ecosistema dunar ben conservado mais con numerosas ameazas que poñen en perigo tanto a flora como a fauna. Tamén é un dos lugares da nosa costa onde podemos atopar píllara papuda (Charadrius alexandrinus) a cal se atopa en estado vulnerable. Esta actuación dará continuidade aos traballos realizados por ADEGA no proxecto Corna, no que alén de eliminar flora exótica invasora, realizouse unha campaña divulgativa sobre o valor deste ecosistema e a necesidade de protección da píllara das dunas.

Porto do Son

A segunda xornada de voluntariado será o día 19 de xullo e se desenvolverá no concello de Porto do Son, co cal ADEGA ten firmado un convenio de Custodia litoral para a preservación dos valores naturais deste concello. Esta xornada de eliminación de flora invasora será na praia de Areas Longas traballándose tanto nas dunas como nas lagoas litorais de Xuño e San Pedro de Muro (pertencentes ao Complexo Húmido de Corrubedo). Darase continuidade aos traballos realizados anteriormente dentro da iniciativa Móllate polos humidais

Serán actividades gratuítas onde o voluntariado contará con seguro de accidentes, alén de ter cubertos os gastos de transporte e comida. As voluntarias e os voluntarios que queiran participar en calquera das dúas xornadas poden apuntarse ou pedir información no seguinte enderezo.

www.adega.info

www.proxectorios.org

www.educacionambientaladega.info

        


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical