21.6.12

Ribeira: "Panos Brancos contra a Droga", pandeiretada interxeneracional, o San Xoán de Palmeira e un concerto no conservatorio, todo este sábado 23

Ribeira, 21 de xuño de 2012.- A cidade de Riveira é o escenario elixido para desenvolver este sábado 23 de xuño, a partir das 11.30 horas, da sétima edición da campaña de sensibilización social Panos Brancos Contra a Droga: unha actuación promovida conxuntamente pola Fundación Galega Contra o Narcotráfico, a Asociación Renacer e o Concello de Riveira, co obxectivo de por unha parte de posicionarse contra o tráfico de drogas e, doutra, de concienciar á sociedade sobre a importancia de levar unha vida libre de adiccións.

Para explicar os pormenores do evento déronse cita na Casa Consistorial o xerente da Fundación Galega Contra o Narcotráfico, Fernando Alonso; a presidenta de Renacer, María González; e o alcalde local Manuel Ruiz Rivas.

Este último proclamou a satisfacción que supón para o Concello de poder acoller este acto en Riveira para sensibilizar á poboación sobre “a lacra que supón a droga na saúde das persoas e os nocivos efectos do tráfico ilegal” e quixo aproveitar tamén para subliñar o labor que se está a prestar dende a Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD), dirixida por Jesús Cartelle.

Fernando Alonso explicou que Riveira recolle a testemuña doutras localidades nas que se celebrou esta acción, como Vilargarcía, Pontevedra, Santiago ou Lugo. En canto ao programa de actos do sábado, explicou que comezará ás 11.30 horas na praza do Concello coa lectura compartida do manifesto institucional da Fundación por parte do presidente da institución, Manuel Couceiro; do alcalde Manuel Ruiz, e de María González, de Renacer.

Como novidade tamén se lerá un segundo manifesto, de carácter máis xuvenil, que por primeira vez se vai facer dun xeito rapeado por parte dunha serie de artistas que colaboran no evento.

Marcha dos abandeirados

Despois se vai celebrar un dos principais atractivos do acontecemento: unha marcha de abandeirados na que se irán relevando unha bandeira branca distintas autoridades e distintos estamentos do municipio e da comarca (en eidos como a sanidade, o deporte, a educación, o tecido empresarial ou o sector do mar, entre outros) nun percorrido que irá dende a praza do Concello ata a praza de Compostela pola rúa de Galicia para despois regresar no sentido inverso.

Unha vez de volta á praza consistorial, e tras a firma da bandeira por todos os implicados, realizarase unha solta de pombas brancas, uns graffiteiros realizarán un mural relativo a esta ocasión e haberá unha exhibición de breakdance co fin de recabar tamén a participación da mocidade local. Está prevista que a iniciativa finalice ás 12.30 horas.

Para poñer fin a esta actividade interveu a presidenta de Renacer, quen fixo fincapé na importancia de aunar a colaboración de todos para loitar contra o abuso de substancias tóxicas e o contrabando, tal e como fai a súa asociación dende hai 22 anos.

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen.

A actividade terá lugar na praza Uxío Novoneyra

 
Palmeira: é o San Xoán, pero na cidade hai Noite Meiga

Tres son as actividades que, dentro do programa Xuño da Cultura e as Artes, van desenvolverse mañá no municipio.

Así, cómpre salientar que a iniciativa da Asociación Riveira Escríbese con V, a cidade de Santa Uxía vai vivir unha verdadeira “Noite Meiga”: denominación coa que se vai celebrar, entre as 21.30 e as 00.00 horas na céntrica praza Uxío Novoneyra, unha iniciativa que combina música e canto tradicional, cunha queimada na que non podía faltar o clásico esconxuro. 

Un pouco antes, ás 20 horas no Conservatorio Municipal, terá lugar o Concerto de Fin de Curso que pon o punto e final á serie de audicións que se estiveron a prolongar durante esta semana. Será no salón de actos e como sempre a entrada é libre. Promove a Concellería de Educación.

Por último, a parroquia de Palmeira vivirá a celebración das Festas de San Xoán. Ao longo do día sucederanse ruadas, inchables, pau ensebado, festa da escuma e unha verbena na que actuarán Azalea e Assia. O pregón, programado para as 00.00 horas, correrá a cargo do veciño da localidade Plácido Betanzos. Organiza a Comisión de Festas de Palmeira.

SANXOANDEIRADA

Con motivo da chegada do san Xoán distintos grupos de pandeireteiras e pandeireteiros de distintas idades interpretan pezas tradicionais na chamada “Sanxoandeirada”: unha acción que promoven, no marco do Xuño da Cultura e as Artes, o Departamento de Servizos Sociais do Concello e o Obradoiro de Pandeireta do Colexio Bayón, coa colaboración das asociacións Alfaia e Amas de Casa de Riveira.

A actividade terá lugar este sábado, de 11.30 a 13 horas, na rúa de Galicia. Ao redor da actividade principal tamén repartiranse doces tradicionais  aos participantes (roscas, rosquillas, pan de ovos,…).

Os participantes levarán vestimenta en branco e negro. Haberá un obradoiro de herbas aromáticas e repartiranse os ovos de san Xoán para poñer nas fiestras pola noite. Pode participar calquera veciño ou veciña de negro e branco e que estea disposto/a a cantar, bailar e tocar a pandeireta ou outra percusión tradicional.

A actividade interxeracional iniciarase na rúa peonil onde irán incorporándose a modo de “flash mob” pandereteiros e pandereteiras de distintas idades  ao redor dun maio , “Ara das herbas”. Alí interpretaranse distintas pezas para logo ir en pasa rúas ata o cruceiro da Virxe da Saúde onde realizaranse uns bailes ao agarrado con pezas de música tradicional, para logo achegarse ata a chamada Fonte do Rueiro (ou do Areal, ou da Praza de Ourense- distintas posibles denominacións da mesma fonte) onde collerase auga da sétima fonte para incorporar ao rito de elaboración do cacho (auga de San Xoán)  que se fará de seguido na rúa peonil xunto á “Ara das Herbas”, no rito incluiranse as “Palabras de San Xoán retorneadas” para ceibarse do demo, explicación dos poderes máxicos de cada unha das herbas que conformarán o cacho e distribuiranse  distintos motivos escorrenta bruxas e escorrenta demos, así como bolsas de herbas para os participantes.

Todo na compaña de música tradicional, da participación dos pandereiteiros e pandereiteiras e de veciños e veciñas en festa que continuará ata as 13:00 con cantigas e bailes populares de modo informal e participativo.

Durante a actividade distribuirase tamén o “grimorio” “Sanxoandeirada” coa apartación de veciñas participantes no Obradoiro da Memoria coas súas lembranzas de ritos e ditos do San Xoán, así como outros textos relativos as tradicións e maxias e feitizos ao redor de tan sinalada data.

Asociacións e entidades que  participarán e colaborarán:

      Grupo de pandeireteiras do obradoiro da 3ª idade do Concello de Riveira.

      Alumnos/as das clases de pandeireta do Colexio Bayón.

      Alumnos/as dos obradoiros de pandeireta da Asociación de AA de Casa.

      Artistas ornamentais da Asociación Alfaia.

      Integrantes do Programa de Voluntariado Social.

      Equipo Técnico do Departamento de Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Riveira.

O Grupo de gaitas tradicional Os Jalochos  acompañará e interpretará tamén distintas pezas.

Cóntase tamén coa colaboración das Concellerías de Cultura, de infraestruturas e urbanismo e de Seguridade e Mobilidade cidadán.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical