9.6.12

Ribeira: mostra na biblioteca sobre o cincuentenario das Letras Galegas

 


 

Ribeira, 9 de xuño de 2012.- Todos os veciños poden ver xa unha exposición na Biblioteca Municipal (situada na rúa Manuel Lustres Rivas) coa que se celebra os 50 anos do Día das Letras Galegas. A concelleira de Educación, Mª Carmen Vizcaya, acompañada do arquiveiro municipal José Antonio Otero e dos traballadores da instalación, foi a encargada de proceder á inauguración desta mostra, que forma parte do Xuño da Cultura e as Artes.

 

A exposición está promovida pola Real Academia Galega. A través de 50 carteis, reflíctense todos e cada un dos autores e autoras recoñecidos no Día das Letras dende que en 1963 se homenaxeara a Rosalía de Castro polo século da publicación de “Cantares Galegos”.

 

Os carteis posúen a particularidade de que as súas ilustracións foron creadas expresamente por deseñadores gráficos galegos de primeiro nivel (Alberte Permuy, Cuqui Permui, Rafael Cáccamo, David Carballal...) e están acompañadas con textos escritos para a ocasión por recoñecidos escritores vivos: Antón Riveiro Coello, Tucho Calvo, Fina Casalderrey, Teresa Moure, Luis G. Tosar, Ana Romaní ou Xabier Alcalá.

 

Selección literaria

Ademais, un espazo da instalación pública exhibe unha selección de libros dos autores homenaxeados neste medio século, e que proceden dos fondos da propia biblioteca. Hai alomenos un libro por cada escritor, salvo casos excepcionais como Rosalía ou Castelao, dos que hai expostos máis dun volume.

 

Entre as curiosidades literarias que se poden observar, figuran dende unha edición de “A esmorga” de Blanco Amor publicada en Buenos Aires e con portada de Luis Seoane, ata unha edición de 1973 do libro do Pai Sarmiento “Catálogo de voces gallegas”, pasando polas obras completas de Rosalía ou as últimas publicacións de Valentín Paz Andrade.

 

A edil Mª Carmen Vizcaya quixo agradecer a deferencia que tivo a Real Academia Galega para con Ribeira ao traer esta exposición e  aproveitou para convidar á xente de Ribeira a que faga uso dos servizos que ofrece biblioteca, recordando que no transcurso deste mes tamén abre os sábados de 11 a 13 horas.


Pode que tamén lle interese:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical