12.6.12

Ribeira: Neira Vilas compartiu na cidade un anaco das súas prodixiosas historias

Ribeira, 12 de xuño de 2012.- Centos de escolares de Ribeira volcáronse no día de hoxe coa dobre actividade celebrada no municipio en torno á figura do escritor Xosé Neira Vilas e da súa novela máis emblemática: “Memorias dun neno labrego”.

Así, ás 11 da mañá, e no marco da programación do Xuño da Cultura e as Artes promovida polo Concello, tivo lugar na planta alta do Auditorio a inauguración da exposición “Querido Balbino. 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego”, con presenza do propio autor, nacido en Vila de Cruces no ano 1928; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e do alcalde Manuel Ruiz. Ao acto –no que estaban tamén as concelleiras de Educación e de Cultura, Mª Carmen Vizcaya e Elvira Pisos- acudiron medio cento de nenos do Colexio Bayón e profesores de diferentes centros educativos, que non se quixeron perder o acontecemento.

Durante a súa intervención, o alcalde quixo salientar ante os asistentes a importancia que ten dentro da historia da literatura galega a obra de Neira Vilas e moi especialmente o libro protagonizado polo neno Balbino, ao que chegou a cualificar como “o noso Quijote. Ademais, o rexedor municipal animou aos rapaces congregados no Auditorio a que aproveitasen esta experiencia para coñecer e “intentar emular a persoas que, como Don José Neira Vilas, fan a Galicia grande”.

Valentín García tamén quixo reflectir a transcendencia do libro obxecto da exposición, ao que cualificou de bestseller galego (“algúns lle chaman os Harry Potter galego”, dixo) e do que se levan vendidos xa máis de 600.000 exemplares.

Pola súa parte, o autor e gran protagonista do acto manifestou a especial ilusión que lle fai que unha persoa da Galicia interior coma el teña a oportunidade de estar nun pobo con mar con esta exposición. O escritor explicou as circunstancias da creación do seu libro nunha cafetería de Bos Aires, o interese que espertou en persoeiros da cultura galega como Rafael Dieste, Luis Seoane ou Isaac Díaz Pardo, a súa publicación na editorial deste último e como, co paso dos anos, foi adquirindo unha sona crecente ata ser traducido a moi diferentes idiomas, como o italiano, o portugués, o francés, o alemán ou o chinés. Ao remate da quenda de intervencións, Xosé Neira Vilas asinou un bo número de exemplares a todos aqueles que así o quixeron. Moitas das obras asinadas procedían das diferentes bibliotecas escolares que hai nos centros do municipio.

Exposición

A mostra do Auditorio articúlase en torno a dous eixos que guían ao espectador a través dun túnel de vitrinas. Dunha banda, preséntase a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia que serven para marcar diferentes momentos transcendentes da súa biografía: exilio en Arxentina e Cuba, amizade con outros exiliados ou o casamento con Anisia Miranda. Doutra banda, amósanse documentos e material referidos á traxectoria seguida polo propio libro e o seu protagonista. Neste sentido, a exposición lembra as edicións, adaptacións teatrais e audiovisuais inspiradas en Memorias dun neno labrego e conta cun espazo onde se proxecta un documental sobre Balbino.

Querido Balbino presenta tamén 15 obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no protagonista de Memorias dun neno labrego. Entre os autores que colaboran nesta iniciativa son: Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Esperanza Lema, Federico Fernández, Xoán Domato, Antón Pulido, Herminda Salgueiro, Siro López e Xaquín Marín.

Encontro en Frións

Ao rematar este primeiro acto, tivo lugar unha segunda actividade no CEIP de Frions: “Encontros con Neira Vilas”. Alí foi recibido o escritor de Vila de Cruces para disertar e conversar cos numerosos rapaces e profesores asistentes que –procedentes da escola citada e dos colexios de Carreira e Aguiño- encheron por completo o salón de actos do recinto escolar.



Neira Vilas.doc Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical