16.6.12

Ribeira: o escritor García Márquez xa ten unha prazoleta adicada na cidade

  •  Está enfronte do Ateneo Valle-Inclán e a súa inauguración, este venres 15 de xuño, foi un acontecemento cultural, con lecturas de textos do colombiano en galego, castelán e inglés a cargo de escritores e persoeiros de Ribeira e amenizado por gaiteiros

 




Máis vídeos en http://www.youtube.com/user/tuchoplaza3

Ribeira, 16 de xuño de 2012- O premio nobel colombiano Gabriel García Márquez xa conta co seu recuncho no rueiro da cidade de Ribeira. A última hora do serán de onte, e no marco da programación do Xuño da Cultura e as Letras, procedeuse á inauguración deste espazo situado a carón da praza de Compostela, moi preto da localización do Ateneo Valle-Inclán.

Precisamente algúns dos integrantes desta institución cultural desempeñaron unha parte activa nestes actos que, presididos polo alcalde Manuel Ruiz e cunha latente ameaza de chuvia que finalmente non chegou a materializarse, precederon ao descubrimento da placa coa que a pegada do escritor permanecerá en Ribeira para sempre.

Así, a inauguración comezou coa lectura dos primeiros parágrafos da súa obra máis coñecida e aclamada, “Cen anos de soidade”, primeiro en inglés, a cargo da moza británica Kate Salisbury, e a continuación en galego, da man de escritora Uxía Casal. Dáse a circunstancia de que entre as innumerables linguas ás que foi traducida esta novela de García Márquez non figura a galega, co cal foi a propia Casal á que fixo o esforzo de transformar o coñecido fragmento da novela ambientada en Macondo ao idioma propio da nosa Comunidade.

Conexión galega

A continuación tomou a palabra Antonio Arca, quen, ademais de recordar a importancia que posúe a obra literaria do nobel colombiano, con libros tan destacados como “O coronel non ten quen lle escriba”, “O amor nos tempos do cólera” ou “Cen anos de soidade”, fixo fincapé na conexión galega do escritor de Aracataca a través da súa avoa Tranquilina, de antepasados galegos, da cal herdou precisamente a súa maneira de contar. Daí que o propio autor dixera: “Galicia está presente en todos mis libros”.

O presidente do Ateneo Valle-Inclán, Santos Oujo, quixo agradecer ao Concello e de xeito especial ao seu alcalde que dedicase este recuncho á figura de García Márquez, e aproveitou a ocasión para dar as grazas tamén á anterior lexislatura por facer realidade outro anceio do Ateneo e tributar unha praza a outro insigne escritor universal, Pablo Neruda.

Finalmente, o alcalde Manuel Ruiz explicou a decisión do seu Executivo de dedicar este mes de xuño precisamente ás artes, porque “se hai algo que nunca sairá caro é investir na educación e na cultura”. Así mesmo, recordou que no transcurso dunha mesma semana se homenaxearon a dous escritores senlleiros da literatura mundial, primeiro a Xosé Neira Vilas, quen acudiu a Ribeira con tal motivo, e agora a Gabriel García Márquez.

Despois da quenda de intervencións e baixo os acordes da marcha do antigo himno do Reino de Galicia (por Juancho e Anxo Rivas), procedeuse ao descubrimento da placa conmemorativa. Manuel Ruiz e Santos Oujo foron os encargados de descubrila diante dun nutrido público que, se nun principio estaba formado principalmente por membros da Corporación e do Ateneo, foise engrosando con numerosos viandantes que quedaron captivados polo acontecemento.

Antes anunciamos:



 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical