30.7.12

Lousame: o VI Encontro de Bandas recibe a "Las musas de Guadalupe" de Murcia e á banda de Valga



Lousame, 30 de xullo de 2012. O día 5 de agosto de 2012 terá lugar no Campo da festa de San Roquiño (Tállara) o VI Encontro de Bandas Concello de Lousame (Homenaxe a Prudencio Romo). Este ano as bandas invitadas son a Banda Municipal de Valga e a Agrupación Músico-Cultural "Las Musas de Guadalupe", que devolve a visita feita pola banda anfitriona a terras murcianas o ano pasado. No evento participará tamén a Coral Polifónica de Noia, que xunto coa voz solista de José Manuel Barreiro Pérez “Secho” interpretará temas de Los Tamara para homenaxear a figura do emblemático Prudencio Romo, director fundador da Banda de Lousame no ano 1996 e excelente persoa e músico que nos deixou no ano 2007, pouco despois de ceder a dirección da banda ó noso actual director Fernando.

O acto estará presentado, como vén sendo habitual, pola xornalista noiesa Loli Gómez, e estase a consolidar como a xuntanza de bandas máis importante das comarcas de Noia e do Barbanza, medrando en calidade, organización e público.


Intercambio

 

Devolvendo a visita que a Banda de Lousame realizou o pasado ano a terras murcianas, este próximo venres día 3 chega a Galicia a Agrupación Músico-Cultural “Las Musas de Guadalupe”. Esta banda da pedanía de Guadalupe no Concello de Murcia estará ata o martes día 7 realizando diversas actividades como visitas polo concello lousamián e a comarca, recepción polas autoridades municipais e comida de confraternidade entre as dúas bandas, partido de futbol entre una selección de cada banda, visitas a Santiago de Compostela e outros puntos da comarca como as dunas de Corrubedo ou o Castro de Baroña e diversas actividades máis.

Tamén intervirá no VI Encontro de Bandas Concello de Lousame (Homenaxe a Prudencio Romo) o día 5 de agosto ás 6 da tarde no campo da festa de San Roquiño xunto coas bandas de Valga e Lousame. Tratase dunha banda importante na súa comunidade autónoma con varios premios no Certamen Nacional de Bandas Ciudad de Murcia e que dá continuidade ós intercambios feitos nos últimos anos pola Banda de Lousame coas bandas de Ogíjares (Granada), San Indalecio de La Cañada (Almería) ou Ciudad de Irún.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical