3.7.12

A Pobra: Adega organiza unha xornada de voluntariado ambiental na praia da Corna este xoves 5

Relacionada:


Natureza: Adega denuncia a mala xestión das praias da Corna e Coroso


 

A Pobra, 3 de xullo de 2012. ADEGA organiza este xoves día 5, unha xornada de voluntariado ambiental na praia da Corna (Pobra do Caramiñal) dentro do programa “Conservando as nosas Dunas”. A asociación ecoloxista continúa a divulgar o problema das especies invasoras, e a importancia de conservar os ecosistemas dunares. Estas accións teñen por obxectivo aumentar a concienciación cidadá, divulgar e promover iniciativas de custodia litoral, facilitando para iso ferramentas de conservación. Outros dos obxectivos é acadar un mellor estado ecolóxico dos ecosistemas dunares.

 

A Fundación Biodiversidad seleccionou estas  actuacións propostas por ADEGA no marco da iniciativa Playas, voluntariado y custodia del territorio, xunto con outras 30 actividades en todo o estado.  

Este xoves o voluntariado traballará en labores de eliminación de flora exótica invasora e limpeza do areal. Esta praia ten un ecosistema dunar ben conservado mais conta con numerosas ameazas que poñen en perigo tanto a flora como a fauna alí presente. Atópase gran cantidade de lixo en toda a praia e ata o día de hoxe non foi retirado. É preciso realizar limpezas selectivas e manuais respetando deste xeito a vexetación dunar, o argazo e este hábitat onde aínda se pode atopar píllara papuda (Charadrius alexandrinus). A píllara é unha ave catalogada como vulnerable no catálogo nacional de especies ameazas e polo tanto precisa de protección real, e divulgación do seu valor ecolóxico. Aniña na area na parte baixa das dunas, polo que os seus ovos corren o perigo de ser pisados por bañistas ou cans.  

Estas actuacións darán continuidade aos traballos realizados por ADEGA no proxecto Corna, no que alén de eliminar flora exótica invasora, tamén se realizou unha campaña divulgativa sobre o valor deste ecosistema e a necesidade de protección da píllara.

En Porto do Son o 19 de xullo

Haberá unha segunda xornada de voluntariado o día 19 de xullo e se desenvolverá no concello de Porto do Son (na Praia de Areas Longas).

Serán actividades gratuítas onde o voluntariado contará con seguro de accidentes, alén de ter cubertos os gastos de transporte e comida. As voluntarias e os voluntarios que queiran participar en calquera das dúas xornadas poden apuntarse ou pedir información no seguinte enderezo.

Máis info:

Lucía Parente

Email: lucia@adega.info

Tlf: 981 57 00 99 - 669 80 69 08




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical