10.7.12

A Pobra: o Bng teme que desapareza o mando do Distrito Marítimo ao unificarse co de Ribeira

  • Un dos sinais de alerta é que Portos de Galicia leva catro anos sen construír o novo edificio para o Distrito Marítimo da Pobra, comprometido no seu día

 

A Pobra do Caramiñal, 10 de xullo de 2012.- O deputado no Congreso, Francisco Jorquera, e o deputado no Parlamento Galego, Bieito Lobeira, veñen, a instancias do BNG da Pobra do Caramiñal de solicitar explicacións ao Goberno Central e á Consellería do Mar respectivamente, pola unificación do mando e as previsións de futuro dos Distritos Marítimos da Pobra e Ribeira.

 

"Aínda que Portos de Galicia ten a titularidade de ambos os dous portos, é a Administración Central a que nomea aos titulares das Capitanías e Distritos Marítimos e, a decisión –co argumento da crise económica e a necesidade de recortes- de que os dous Distritos estean baixo o mesmo mando fainos sospeitar que, tarde ou cedo, rematen por unificarse e unha das dúas desapareza", explican os do Bng da Pobra.

 

No caso da Pobra do Caramiñal, o Distrito Marítimo desempeña, entre outras, as seguintes funcións: Actividades relacionadas co rexistro e abandeiramento de buques e embarcacións menores de 24 mts. de eslora; despacho de buques; funcións administrativas relativas ao enrole e desenrole de tripulantes de buques e embarcacións, e tamén pasaxeiros e persoas alleas á tripulación e á pasaxe; colaboración coas autoridades competentes nos portos e nas praias en materia de seguranza, salvamento, e navegación en relación coas actividades náuticas e de baño; tramitación de expedientes de expedición, revalidación, canxe, convalidación e renovación de títulos profesionais e de recreo; autorización de fondeo; inspección de buques, etc.

 

99 embarcacións con 61 auxiliares


"A desaparición do Distrito Marítimo da Pobra do Caramiñal conlevaría evidentes prexuízos ao importante sector pesqueiro e ao número de persoas que se adican á actividade pesqueira, marisqueira e mexiloeira. Neste porto teñen base 99 embarcacións de pesca de baixura e marisqueo a frote e outras 61 auxiliares de bateas mexiloeiras. A maiores, ten unha capacidade comercial principalmente vinculada á descarga de túnidos conxelados destinados á industria conserveira que o convirte no máis importante de Europa. Nel tamén se desenvolve unha importante actividade náutico-recreativa, contando con 281 prazas de amarre de embarcacións de lecer", aseguran os nacionalistas.

 

"Ao dato de que Ribeira é a cabeceira da comarca, hai que sumar a promesa incumprida por parte de Portos que, no 2008, cedeu unha parcela nas inmediacións da lonxa da Pobra destinada específicamente á construcción dun novo edificio para o Distrito Marítimo, que constaría de baixo e andar superior, cun prazo de remate estimado entre 18 e 24 meses, e que a día de hoxe non se fixo nada. Todo elo agrava a preocupación deste Grupo Municipal e tamén a do sector do mar en xeral. O BNG, pois, mediante as iniciativas presentadas, pregunta á Administración Central e Autonómica por qué se decidiu que as funcións dos Distritos Marítimos da Pobra e Ribeira pasen  a  ser  xestionadas  baixo  o  mesmo  mando;  si  este  feito  significa  que  no  futuro  se unifiquen tamén ambos os dous; polas súas previsións de futuro para o Distrito Marítimo da Pobra; pola súa permanencia; por qué razón se paralizou a construción do novo edificio destinado ao Distrito nas instalación do porto da Pobra", prosegue en nota de prensa o Bng da Pobra.

 

O BNG esixe tamén a ambas as dúas Administracións que se garanta a permanencia do Distrito da Pobra, xa que contribúe eficazmente a axilizar os procesos administrativos que favorecen o traballo do sector produtivo e da actividade marítima en xeral e a eliminar trabas burocráticas e desprazamentos innecesarios das persoas adicadas ao sector do mar.


Pregunta en pleno

O vindeiro 26 de xullo terá lugar un Pleno ordinario onde o Bng preguntará ao alcalde sobre o tema.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical