5.7.12

Ribeira: concertos de saxo e festival de danza esta fin de semana

  • Gala de danza no auditorio este sábado 7 de xullo
  • Concerto de saxo na rúa o venres 6, no conservatorio o sábado 7 e na igrexa de Santa Uxía o domingo 8

Ribeira, 5 de xullo de 2012.- Este sábado 7 de xullo, a partir das 20.30 horas, o Auditorio Municipal acollerá “unha auténtica gala da danza contemporánea”. Con estas palabras definiu o Vicente Colomer Bussoms o festival que pon o punto e final á Escola Municipal desta especialidade artística que el dirixe, nun acto de presentación no que estivo acompañado da concelleira de Cultura, Elvira Pisos Arnoso.

Participarán no festival 23 da trintena de alumnas inscritas na escola, ademais de dous ex alumnas que por motivos académicos non puideron proseguir coa súa formación no curso, pero que non dubidaron en aceptar a proposta do propio Colomer de participar no acontecemento de pasado mañá.

Vicente Colomer explicou que o festival estará moi marcado pola danza galega, algo que xa é característico deste evento, dirixido por un profesional que é cofundador da mítica Nova Galega de Danza. Todas as coreografías serán galegas a excepción de dous fados portugueses. Entre os temas musicais que resoarán no salón de actos do Auditorio figuran creacións de Berrogüeto, Milladoiro ou Xabier Díaz. A concelleira de Cultura animou á cidadanía do municipio e da comarca a que non deixen de presenciar este espectáculo, que é libre e gratuíto para todos os espectadores.

 
Concertos na rúa de Galicia, no conservatorio e na igrexa de Santa Uxía do curso da Aula Galega de Saxofón

Asemade, durante esta fin de semana terán lugar os concertos de fin do curso 2011/2012 da Aula Galega de Saxofón: actividade do conservatorio municipal que xunta no noso concello a estudantes de saxofón de toda a comunidade unha fin de semana ao mes.

Coordinada polo profesor de saxofón do conservatorio local José Fungueiriño, ten como mestre invitado ao profesor do Conservatorio Superior das Illas Baleares o tamén galego Rodrigo Vila.

O primeiro dos concertos ofrecido por grupos de saxofóns terá lugar o venres 6 de xullo ás 20.30 horas na Rúa de Galicia.

O segundo, que contará coa colaboración da prestixiosa pianista Yuko Mizutani, a cal acompañará a algúns dos alumnos da Aula, terá lugar o sábado 7, tamén ás 20.30 horas, no salón de actos do conservatorio municipal.

E o terceiro e último concerto celebrarase o domingo ás 18.00 horas na Igrexa Parroquial de Santa Uxía e terá como protagonistas ao cuarteto formado por Adrián Pais Abuín ao soprano (antigo alumno da Aula e agora ampliando os seus estudos en Burdeos), José Fungueiriño Ramos ao saxo alto, Rodrigo Vila ao saxo tenor e Diego García Morales (saxofón solista da Banda Municipal de Santiago) ao barítono. A temática do concerto será “De Bach a Piazzola”.

Saliéntase que varios alumnos/as da Aula superaron este ano o acceso ao Grao Superior no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid (Santiago Puime), ao Conservatorio Superior de Vigo (Tomás Alonso) e ao Conservatorio Superior de A Coruña (Esther Zamora).

Agasallos en Inforxogo

Por outra banda,  a concelleira de Cultura, Elvira Pisos, achegouse este mediodía á Aula Multimedia de , sita na avenida do Malecón, para facer entrega duns pequenos agasallos aos 26 rapaces e rapaces que principiaron esta mesma semana a asistir ao obradoiro de iniciación informática Inforxogo: unha das moitas accións incluídas na programación do Verán Cultural 2012.

Estes nenos están distribuídos en dous grupos en función das súas idades. Así, os pequenos de entre 8 e 10 anos asisten ao taller de 10 a 12 horas; mentres que os de 11 a 13 anos o fan de 12 a 14 horas. O axente TIC Abel Alonso é o encargado de impartir as clases, de luns a venres durante o mes de xullo (haberá un novo Inforxogo en agosto).

O agasallo que a edil Elvira Pisos entregou ao alumnado consiste nunhas raquetas de praia. Usualmente, accións como a que protagonizou hoxe a titular de Cultura tiñan lugar máis ben cara á finalización dos cursos, pero este ano se preferiu adiantar o acontecemento a fin de que os nenos e nenas poidan facer bo uso destes agasallos nos areais xa dende o mesmo comezo do período estival.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical