19.7.12

Ribeira: a conselleira de Mar estivo clausurando o curso sobre cultura marítima




Ribeira.- 19 de xullo de 2012.- Tras catro días de aprendizaxe, no día de hoxe rematou en Ribeira o Curso de Verán da Universidade de Santiago de Compostela sobre Educación e Cultura Marítima en Galicia, iniciativa académica que contou co patrocinio do Concello de Ribeira e da Deputación Provincial de A Coruña e en cuxo acto de clausura participaron a conselleira do Medio Rural e do Mar da Xunta, Rosa Quintana Carballo; o alcalde e deputado provincial, Manuel Ruiz Rivas; o director do curso, o catedrático Miguel Ángel Santos Rego;e o presidente da Comisión de Pesca do Senado, José Luis Torres Colomer.

 

Ruiz Rivas agradeceu aos alumnos, profesores e relatores participantes que fixesen posible este curso -celebrado no Centro de Interpretación do Parque de San Roque- e salientou ao respecto do contido do mesmo que “ser dun lugar de mar como é o caso de Riveira marca incluso o propio carácter das persoas”.

 

Pola súa parte, Miguel Ángel Santos Rego agradeceu tanto o apoio do Concello para que puidese ter lugar esta iniciativa como a participación dos asistentes e intervintes, e explicou a súa conexión particular con Riveira, terra na que el estudou e considerou idónea para o desenvolvemento do mesmo.

 

Por último, Rosa Quintana aludiu a que Galicia non podería ser entendida sen o seu mar e explicitou o compromiso mantido dende a Xunta de Galicia en temas como a formación en todas as áreas que teñen que ver co medio mariño, como se constata cos centros de formación náutico-pesqueira existentes en lugares como Riveira, Ferrol, Vigo ou Marín, ou unha escola de formación acuícola que é a única homologada en España.

 

“Dende os nosos centros de formación tentamos non só transmitir os coñecementos necesarios para acometer o traballo diario e a seguridade, senón tamén a necesidade de preservar os valores da nosa cultura e a nosa tradición”, manifestou a conselleira.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical