11.7.12

Ribeira: rexenarán o sistema dunar da praia da Catía

  •  Primeiros trámites para acometela, xa no BOP
  • Custará máis de 150.000 euros
  • Van instalar pasarelas de madeira, impedir acceso a vehículos e habilitar espazos alternativos como aparcadoiros

 

Ribeira, 11 de xullo de 2012.- O Concello informa de que, tal e como aparece no BOP do día de hoxe, se teñen iniciado os trámites cara a conseguir as pertinentes autorizacións co fin da adecuación ambiental da praia de A Catía, situada na parroquia de Aguiño e que forma parte dun areal de maior lonxitude que une esta localidade coa de Castiñeiras (Castro-Catía).

 

A actuación ten un importe económico de 158.114,01 euros e un período de execución de dous meses.

 

Deterioro

A praia de A Catía conserva, dentro ámbito de protección do Dominio Público Marítimo Terrestre, un cordón dunar relativamente ben conservado. Non obstante, nos últimos anos este sistema dunar vén sufrindo un deterioro significativo debido á superación da capacidade de carga da praia, que deriva de diversos impactos negativos como a súa utilización como zona de aparcamento e circulación de vehículos a motor, a presenza de especies vexetais exóticas, un número elevado de sendas e camiños coa conseguinte degradación da vexetación e fragmentación do hábitat, e a presenza de residuos derivados da construción e outros de tipoloxía urbana.

 

Co proxecto que está previsto executar preténdese o acondicionamento do entorno da praia de A Catía mediante a mellora de accesos peonil da praia, a eliminación do estacionamento de vehículos sobre o sistema dunar, a habilitación de zonas próximas de aparcamento fóra do ámbito de protección integral e a recuperación de espazos naturais degradados.

 

Así e logo, a actuación materializarase nas seguintes accións concretas:

 

1.- Mellora dos accesos peonís á praia da Catía: Instalaranse pasarelas de madeira, todas semellantes ás xa existentes do seguinte xeito:

 

 

      Pasarela no entorno do río Listres: instalarase unha pasarela para facilitar o tránsito peonil cara a praia dende a estrada xeral que une os núcleos de Aguiño e Castiñeiras ata a rúa das Pedras, nas inmediacións do areal da Catía. Colocarase tamén unha pequena ponte que cruzará o río.

      Catro pasarelas no entorno da rúa Andrés Torres Queiruga: unha delas en sentido lonxitudinal da rúa, dúas en sentido transversal que levan directamente á praia, e outra en sentido lonxitudinal que une unha destas pasarelas coa escaleriña existente para acceso á praia dende as inmediacións da rúa da Rabuda. Posibilidade de delimitar zona para un futuro carril bici.

 

2.- Impedir que os vehículos estacionen en zonas inapropiadas como arenais e dunas: Bloquearase o tráfico rodado nos puntos afectados a través das seguintes accións:

 

      A zona de areal e dunas existente nas inmediacións da rúa Andrés Torres Queiruga quedará protexida pola colocación dunha pasarela de madeira instalada lonxitudinalmente a dita rúa a modo de beirarrúa: isto permitirá impedir o paso de vehículos ao tempo que facilita o acceso peonil á praia.

      O punto de acceso dende rúa da Rabuda aos arenais e dunas quedará impedido mediante a colocación de bolardos de pedra granítica ancorados ao terreo.

 

3.- Habilitación de zonas próximas máis apropiadas para estacionamento: A fin de propiciar que as persoas poidan chegar cos seus vehículos ás inmediacións da praia, realizaranse as seguintes actuacións:

 

      Habilitación de prazas de aparcamento en liña na rúa da Rabuda, substituíndo o dobre carril actual pola circulación nun único sentido a fin de permitir que os vehículos estacionen en diagonal, e non en liña como acontece actualmente, o que permitirá gañar prazas de estacionamento. Esta medida podería ser aplicada nun futuro en rúas adxacentes con ancho suficiente, como pode ser a rúa Andrés Torres Queiruga nalgún dos tramos.

      Conseguir autorización para pavimentar o tramo da rúa Andrés Torres Queiruga que está actualmente en terra.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical