2.8.12

Cinema: Vilamor proxectarase en Boiro, Muros e Padrón, dentro de "Redecinema"

Boiro_vilamor

  • O presidente da Rede, Valentín García, e a deputada provincial de Normalización Lingüística, Zaira Rodríguez, presentaron a nova programación de actividades da Rede de Dinamización Lingüística

Boiro, 2 de agosto de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística e presidente da Rede de Dinamización Lingüística (RDL), Valentín García, e mais a deputada de Normalización Lingüística da Coruña e alcaldesa de Cee, Zaira Rodríguez, veñen de presentar Redecinema, a nova programación da RDL. No marco desta nova acción, promovida pola Consellería dirixida por Xesús Vázquez, en colaboración coa Deputación coruñesa, 17 concellos da provincia da Coruña contarán con proxeccións de cine de verán ao aire libre, entre os meses de agosto e setembro. Entre eses 17 concellos, nestas bisbarras de Barbanza e Noia están representados o de Boiro, Muros e Padrón.


Sumar esforzos e aproveitar recursos para impulsar o galego

Na súa intervención, García Gómez destacou “a importancia da estreita colaboración da Deputación da Coruña, a través da área dirixida por Zaira Rodríguez, para impulsar e poñer en marcha esta iniciativa conxunta, á que tamén se sumaron as outras dúas deputacións que participan na Rede, a de Pontevedra e mais a de Ourense”. O presidente da Rede incidiu na “necesidade de sumar esforzos e aproveitar recursos para levar as accións de dinamización lingüística a todas as localidades das Rede, tanto para apoiar a promoción do galego desde as diferentes entidades adheridas ao proxecto, como para darlle maior visibilidade e proxección a este tipo de accións”, coas que, segundo explicou o secretario xeral, “a lingua ve, día a día, cada vez máis reforzada a súa vitalidade e presenza”. “Con Redecinema levaremos o cine galego e en galego a concellos da Rede, co fin de fornecer á cidadanía dunha oferta de actividades de lecer na nosa lingua e de apoiar e retroalimentar a produción audiovisual feita no idioma propio de Galicia”.

Os representantes da Consellería e da Deputación coruñesa recordaron que a iniciativa foi incluída na programación anual para o ano 2012 que aprobou o Consello de Membros da RDL o pasado mes de decembro. Nese contexto, Redecinema moverá o filme de produción galega Vilamor por localidades galegas, nas que se radican diferentes entidades que integran a devandita RDL.

‘Redecinema’ levará o filme Vilamor pola RDL
Vilamor é un filme rodado en Galicia e en galego, que se estreou en Ourense con motivo das Letras Galegas 2012. En só tres meses, xa se fixo con diferentes recoñecementos dentro e de fóra das nosas fronteiras (Cannes, Nova York, Jakarta...). As proxeccións de Vilamor dentro de Redecinema serán de balde, estarán destinadas a todos os públicos e terán lugar, preferentemente e sempre que as condicións metereolóxicas o permitan, ao aire libre durante os seráns dos meses de agosto e setembro nos concellos da RDL, baixo o formato de cinema de verán.

As proxeccións de Vilamor chegarán aos concellos de Arteixo, Betanzos, Boiro, Cee, Curtis, Ferrol, Melide, Muros, Ortigueira, Padrón, Ponteceso, Zas, Oleiros, Teo, Fisterra e Santiago de Compostela, pertencentes, todos eles, á RDL.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical