10.8.12

Rianxo: alcalde e primeiro tenente alcalde destinarán a súa paga extra de Nadal a financiar programas sociais

  • Trátase dunha renuncia voluntaria, xa que non están obrigados pola lei do Goberno central
  • Aproveitan, tanto Adolfo Muíños como Carlos Gey, para amosar o seu "rexeitamento profundo a este inxusto ataque aos salarios do persoal funcionario e laboral, porque causará moitos prexuízos ao comercio local"


Rianxo, 10 de agosto de 2012. O equipo de goberno de Rianxo, nun comunicado que fixo oficial hoxe,  decidiu ser solidario co conxunto do persoal municipal afectado polas medidas de Rajoy de supresión das pagas extras e vai aplicar a redución correspondente no mes de Nadal.

"Ao respecto comunicamos que, ao non estar dispostos a que esta rebaixa no salario vaia caer nas mans dos bancos causantes da crise nin sirva para maquillar as cifras do déficit do Estado, Alcalde e Primeiro Tenente de Alcalde destinarán a súa paga extra íntegra a financiar directamente programas sociais do Concello de Rianxo en atención de familias ou colectivos desfavorecidos", sinalan.


Renuncia voluntaria por solidaridade

Matizan, ademais, "que esta é unha renuncia voluntaria, á que non estamos obrigados pola lei do PP que afecta ao conxunto dos traballadores, mais queremos ser solidarios con eles desta minoración salarial así como cuestionar as rebaixas ás coidadoras e coidadores dos dependentes, aos desempregados aos que lle queren retirar os catrocentos euros, ás prestacións sanitarias ou as medidas involucionistas das reformas laborais que desprotexen máis aos traballadores deste país", apuntan dende o equipo de goberno rianxeiro composto por Bng e Psoe.

Rexeitamento profundo a este inxusto ataque

"Non obstante manifestamos tamén o rexeitamento profundo a este inxusto ataque aos salarios do persoal funcionario e laboral, porque causará moitos prexuízos ao comercio local.  A crise inducida pola banca, os mercados e a burbulla inmobiliaria vaina pagar a clase traballadora que non foi a culpábel dela. O rescate europeo á banca sae do lombo dos traballadores, desempregados e pensionistas deste país, mentres os culpábeis seguen sen castigo, amparados por paraísos fiscais ou con retiros millonarios. Con estas e outras medidas tomadas desde o goberno de Rajoy en Madrid e o de Feijoo en Galicia, o Partido Popular, incapaz de impulsar a creación de emprego, parece que ten como único obxectivo o desprestixio dos traballadores públicos logrando coa súa incapacidade que máis de 400.000 galegos xa estean por debaixo do umbral da pobreza", finalizan.







Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical