14.8.12

Ribeira: a campioa xuvenil mundial Ana Peleteiro será a pregoeira da feira "Artemar Ribeira", que terá máis de 150 expositores

  • A feira, un novo xiro á que antes se coñecía como Feira Artesanal e Mariñeira, ocupará as prazas de España e do Concello, o Malecón e as rúas Santa Uxía e de Galicia
  • Celébrase esta fin de semana, de venres a domingo

 

 

Ribeira, 14 de agosto de 2012.- Máis de 150 expositores van amosar os seus produtos esta fin de semana na cidade de Santa Uxía con motivo da celebración da nova feira Artemar Ribeira: unha iniciativa auspiciada polo Concello e incluída dentro da Semana do Mar, que nace coa intención de dinamizar o municipio para que este sexa un referente da cultura mariñeira”, segundo palabras do propio alcalde Manuel Ruiz Rivas.

 

Así o manifestou o rexedor local durante a presentación desta feira mariñeira. Ruiz subliñou que concorrerán en torno a un 60% máis de expositores que reunía en anos pasados a feira artesanal e mariñeira e salientou sobre todo que un 25% do total pertencen ao municipio riveirense, cumprindo así un dos principais obxectivos con que foi concibida esta nova iniciativa, como é a de potenciar e poñer en valor a industria e o sector empresarial, cultural e asociativo do noso municipio.

 

A atleta ribeirense Ana Peleteiro, recentemente proclamada campioa do mundo xuvenil en triple salto, será a encargada de dar o pregón inaugural este venres ás 20.30 horas, nun acto que tamén contará coa participación da directora xeral de Comercio da Xunta, Nava Castro.

 

Tres áreas neurálxicas

O rexedor explicou que o evento terá tres áreas neurálxicas onde concentrará a exposición.  En primeiro lugar, a praza de España vai ser un dos principais puntos neurálxicos da feira coa instalación de tres grandes carpas e un stand institucional do Concello.

 

Así, haberá unha Carpa Náutica na que, nunha superficie de  400 metros cadrados, un total de 12 empresas e entidades significativas do municipio e da comarca exhibirán o potencial de Ribeira no mundo do mar. Xunto a elas, unha exposición de maquetas de dornas e as confrarías de Aguiño, Palmeira e Ribeira. A carpa tamén dará cabida a exposicións de redes e palillos e amosarase o traballo en vivo de palilleiras.

Tamén haberá unha Carpa da Alimentación de 400 metros na que se concentrarán 14 empresas. Neste espazo haberá dende degustacións e maridaxes ata catas de viño e venta de produtos.

Ademais, un dos grandes epicentros feirais vai ser a Carpa Gastronómica na que se van suceder ao longo da feira diferentes degustacións de produtos e demostracións de cociña (Show Cooking) cos que se pretende non só resaltar produtos consolidados senón sobre todo de promocionar as cualidades de aqueles produtos do mar que nestes momentos non teñen tanta saída comercial (relojito, cabalón...). Este escenario tamén dará cabida a outras accións, como presentacións literarias, entregas de premios ou actuacións musicais.

Por último, no mesmo centro da praza de España estará situado o stand institucional do Concello, cunha serie de elementos identificativos da evolución da cidade e a cultura mariñeira do municipio, ademais de contar cunha pequena aportación de contidos da Consellería do Mar.

Doutra banda, a praza do Concello será o espazo destinado a servir de referente cultural da feira e un espello do tecido social, coa presenza de stands das asociacións Amas de Casa, Aires da Dorna, Riveira Escríbese con V, Ámbar e A Creba, ademais da presenza do colectivo barbanzano Fotógrafos no Paraíso (que efectuarán uns obradoiros sobre esta arte e recollerán imaxes de todo o evento para a súa posterior exposición) e do artista local Antonio Pérez (que exhibirá a súa obra e realizará unha acuarela que pintará no transcurso da feira e será doada ao Concello).

Artesáns

Unha das grandes novidades deste ano reside en que o Concello contactou directamente cunha selección de artesáns de calidade que se axustan ao espírito que o Concello quere imprimir á feira en futuras edicións. Froito deste labor concorrerán un total de 26 artesáns selectos (a maioría galegos -4 deles ribeirenses- pero tamén nacionais e internacionais), que estarán apostados tamén na praza do Concello.

 

Por último, avenida do Malecón, a rúa Santa Uxía e a Rúa de Galicia albergarán preto de 100 postos que se corresponden cos contidos da feira artesanal e mariñeira de pasadas edicións.

 

Múltiples actividades

Artemar Ribeira vai ser escenario tamén da celebración de máis dunha vintena de actividades que complementarán e fortalecerán o apartado expositivo. Tal e o caso das actuacións dos grupos de música A Gandaina (música tradicional galega) Al-Folk (árabe) e Tuttis Catraputis (tradicional portuguesa) ou da animación de Confusión e Faquir Testa.

 

Documental e grupos locais

Así mesmo, Artemar vai dar cabida á presentación oficial en exclusiva para Galicia do documental Torreiros, de Pablo Ces, laureado con diversos galardóns a nivel estatal, ademais de actuación musical dos grupos locais Entrelíneas e The Siberets, dunha sesión DJ, ou da conferencia de Rosa Orellán en torno á presenza dos mariñeiros de Ribeira en Terranova, entre outras accións.

 

Non hai que esquecer tampouco os xogos e obradoiros de carácter infantil que terán lugar na praza Pablo Neruda e na Praza do Rueiro, nin o Concurso de Escaparates e a Ruta de Tapeo e Degustación de Cócteles Mariñeiras: dúas iniciativas que se repiten ante o éxito rexistrado o ano pasado grazas á colaboración da hostalería local e dos seus empresarios.

 

A Regata da Dorna de Prata ou o Concurso Ocean Man serán outras actividades de índole deportiva e fortemente vinculadas ao mar que terán lugar nos tres días de feira.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical