16.8.12

Ribeira: licitan o arranxo da rúa Vionta de Aguiño

  • O orzamento é de 337.416 euros a executar en cinco meses
Riveira, 16 de agosto de 2012.- Tal e como publica hoxe o BOP, o Concello de Riveira informa da licitación da obra de pavimentación e renovación da Rúa Vionta en Aguiño. O orzamento para realiza-lo proxecto ascende a 337.416 euros e o prazo de execución son 5 meses.

A rúa Vionta é unha das vías máis céntricas da parroquia. A día de hoxe, a súa calzada está feita en aglomerado asfáltico e conta con dous carrís, aínda que un adoita estar ocupado por vehículos estacionados en liña. Non existe beirarrúa en toda a lonxitude da vía, apreciándose unicamente algún tramo curto con formigón e baldosa hidráulica nos seus extremos e no resto só un bordillo de formigón que delimita un espazo para o tránsito peonil de ancho moi reducido e sen pavimentar.

O obxectivo fundamental do proxecto é a reordenación da rúa Vionta que xeito que os peóns poidan transitar por ela de forma cómoda e segura, sen que teñan que circular pola calzada conxuntamente cos vehículos. Ademais, preténdese establecer unha banda diferenciada para aparcamentos en liña, co que a circulación será máis fluída. Por todo isto, vaise implantar un único sentido de circulación, dispoñendo un carril de circulación de 3,75 metros de anchura mínima e unha banda de aparcamentos en liña de 2,25 metros. Por cada marxe da rúa e ao longo da mesma, disporase unha beirrarrúa.

Servizos

En canto á renovación do saneamento, no apartado de abastecemento eliminarase a tubaxe existente de fibrocemento que será suplantada por dous liñas de auga potable (unha debaixo de cada beirarrúa) formadas por tubaxes de polietileno de alta densidade. Instalarase unha nova liña de saneamento formada por 284 metros de colector de PVC liso e 6 metros de tubaxe de fundición dúctil. E disporase unha rede de pluviais formada por colectores de PVC corrugado de 295 metros de lonxitude.

Ademais, substituirase toda a rede aérea de alumeado por canalización soterrada para lograr un menor impacto visual e cada 25 metros se situará un punto de luz. Tamén de colocarán alcorques e bancos de madeira tratada.

A obra enmárcase dentro do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais (POS 2012). O prazo para a presentación de ofertas é de 26 días naturais a partir do seguinte ao da publicación no boletín provincial.





Licitación Rúa Vionta.doc Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical