20.9.12

Lousame: a Escola de Música inicia o curso con tres novos profesores e a meta de crear un grupo de música tradicional

Triptico.pdf Download this file

Lousame, 20 de setembro de 2012. Segundo informa César García, director da Escola de Música de Lousame, entre as principais novidades deste curso saliéntase contratación de tres novos profesores. "Por unha parte incorporase un profesor de tuba co que se completa na súa práctica a oferta de tódolos instrumentos dunha banda de música. Por outra banda destaca a incorporación de mestres de música tradicional coa finalidade de crear no futuro un grupo de música tradicional en Lousame. Así, este ano haberá tamén clases de violín tradicional, gaita, percusión tradicional e canto tradicional impartidas por dous novos profesores. Quérese recuperar a tradición dos grupos de gaitas neste concello que foi moi rica noutros tempos e ao mesmo tempo diversificar a oferta da Escola de Música para captar maior número de alumnos", asegura.

Tamén se incorpora este curso a disciplina de música e movemento para nenos de 4 a 7 anos, cos que se fará un grupo para traballar o interese pola música nestas idades temperás e motivalos a estudiar logo linguaxe musical e algún instrumento. Por último en canto á organización das ensinanzas este ano tamén haberá unha nova materia que recibirán tódolos alumnos que será a formación de conxuntos coa finalidade de preparar repertorio para tocar nas diversas audicións que se levarán a cabo ó longo do curso.

Unha escola que medra, en compoñentes e éxitos

A Escola de Música de Lousame experimentou un crecemento moi importante nos ultimos anos tanto en número de alumnos como en oferta formativa e comenza a dar os seus froitos en forma de alumnos saídos dela que realizan estudios de nivel superior en varios conservatorios de Galicia e sobre todo na súa banda de música que se está a convertir nunha banda exitosa e de calidade como demostran os premios conseguidos o ano pasado no V Certame Galego de Bandas de Música, premios que esperan repetir este ano na participación na VI edicion deste certame que terá lugar en Santiago de Compostela no mes de novembro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical