18.9.12

Noia: avanza paseniño a obra da ponte da variante, coas primeiras vigas do viaduto principal

  • O viaduto sobre a ría posúe unha lonxitude total aproximada de 1.700 metros, dos cales 258 serán salvados por medio dun viaduto tensado sobre a canle de navegación
  • A lonxitude da actuación é de 4,93 Km e inclúe a execución doutros dous viadutos

Noia, 18 de setembro de 2012.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comezou hoxe a colocar as primeiras vigas sobre o viaduto que atravesará a ría de Noia e permitirá cruzar a Ría de Muros e Noia salvando a canle de navegación. O viaduto sobre a ría posúe unha lonxitude total aproximada de 1.700 metros, dos cales 258 serán salvados por medio dun viaduto tensado sobre a canle de navegación.

Este viaduto xa ten executada a cimentación do lado da Barquiña con 40 pilotes. Estes pilotes son de 1,5 metros de diámetro encamisados con chapa de 5 mm. O número final de pilotes será duns 100. Algúns superarán os 30 metros de profundidade. As pilas únense a estes pilotes de forma continua unidas por lintel na parte superior. Sobre estes linteis descansarán as vigas siamesas unidas polo seu costado de 37 metros de lonxitude para a formación do taboleiro.

Este taboleiro terá unha anchura variable, de entre 14 e 16,5 metros na zona tensada. Tamén se concluíu a metade da cimentación da estrutura de tirantes sobre a que se erguerá o mástil de 26,30 dende a cota da calzada. Desde este pilono descolgaranse 6 pares de cables (12) de cada un para salvar o van central de 104 metros composto por 3 tramos de vigas.

Nada sobre o impacto na paisaxe e no patrimonio

Logo das últimas actuacións en materia de infraestruturas nas nosas bisbarras de Barbanza e Noia, a paisaxe segue a ser grande esquecida. Pontes como as do Engano en Outes e agora ésta que se conta rematar para xullo de 2013, veñen a esfarelar de novo o horizonte de montes e rías que caracteriza esta parte do litoral galego. A estas estradas -entre autovías, corredores e vías de alta capacidade- hai que engadir o AVE que vai pasar por Catoira e atravesa parte de Rianxo e Dodro, unha infraestrutura ferroviaria que chega tarde, mal e, sen dúbida algunha, vai ser deficitaria, como xa se demostra en varias partes de España e non vai resolver o problema do transporte público nestas comarcas. No caso de Noia, semellante pendello sobre a ría para salvar os atascos puntuais do verán, ou, como din os lugareños, "para que os señoritos de Santiago cheghen de contadiño á praia e ao iate de Portosín".

Media_httpfarm3static_jtdia

Ao impacto da paisaxe das pontes e estradas hai que engadir o dos eólicos, que están a invadir sen escrúpulos -hoxe mesmo sóubose que a Xunta, na consellería de Industria, deulle para adiante inda tendo informes negativos- os nosos montes. E tamén hai que lembrar a paisaxe agochada, o patrimonio esquecido e sistematicamente expoliado, como é o caso do castro de Taramancos, do que nada se sabe e que están a escavar dende unha empresa que, segundo nos contan, non cumpre o convenio de Arqueoloxía de Galicia, e segue contratada impunemente pola Xunta de Galicia, a que debería ser a maior valedora e veladora do noso patrimonio milenario.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical