26.9.12

Noia: denuncian dende o equipo de goberno os recortes en axuda á discapacidade por parte da Xunta

  • A concelleira de Servizos Sociais do Concello de Noia e membro do grupo municipal do BNG, Sofía Caamaño Lado, acusa á administración do goberno Feijóo "de desentenderse da atención aos nenos e nenas con discapacidade, ao diminuír en 35.000 euros a axuda, que agora está a custear o Concello"


Sofía Caamaño

Noia, 26 de setembro de 2012. Sofía Caamaño acusa á administración autonómica de desentenderse da atención aos nenos e nenas con discapacidade. Segundo informou hoxe, "este ano a Xunta de Galicia eliminou na súa totalidade a subvención ao servizo municipal do STAND, Servizo de Tratamento a Nen@s Discapacitad@s. O que supón unha diminución de 35.000,00 euros. A totalidade do servizo municipal ten custe de 170 mil euros que nestes momentos está asumindo o Concello de Noia, coa agravante de que máis da metade dos nenos non son do Concello de Noia e o resto de concellos non aporta nada".

Caamaño Lado confirma que se está negociando coa Deputación de A Coruña unha solución para que colabore a cubrir o "burato" económico creado pola eliminación de axudas por parte da Xunta de Galicia, "pero nestes intres non hai nada pechado. Ademais, a Deputación non quere cubrilo na totalidade do que o diminuiu a Xunta de Galicia".

ERE en A Misela, tamén polos recortes da Xunta

A rebaixa de axudas por parte da Xunta provocou que a asociación A Misela (na que se integran pais de nenos con discapacidade) teña que facer un ERE para manterse en funcionamento. Pola súa parte, ademais dos 170 mil euros do servizo municipal do STAND o Concello de Noia, especificou a concelleira noiesa, "si mantén as axudas a esta asociación, aportando unha subvención de 4.000 euros anuais, ademais de asumir outros custes como o gasto de ximnasio por 2.582 euros anuais".

Sofia Caamaño afirma que o Concello de Noia manterá nas mesmas condicións o servizo: "en ningún caso se reducirá a atención, nin en horas nin en número de nenos. Grazas á estabilidade económica do Concello podemos e debemos continuar atendendo a nenos e nenas con discapacidade, e que a pesar da diminución das axudas da Xunta e da falla de colaboración doutros concellos os nenos non verán afectada a súa atención, sexan do concello que sexan".

"Feijóo leva a Galicia a unha situación insostible"

Xa en ton máis de precampaña, na cal nos atopamos, a concelleira nacionalista critica a "absoluta irresponsabilidade do goberno do PP da Xunta de Galicia que sempre recorta nos máis febles, desentendéndose completamente dos servizos de atención a nenos con discapacidade, o que amosa a súa falla de sensibilidade e a súa incapacidade económica para dar resposta aos problemas da cidadanía. O goberno da Xunta amósase incapaz de facer fronte económica ás necesidades da xente, o endebedamento do goberno de Feijóo na Xunta está levando a Galicia a unha situación insostible, como demostra o feito de que non sexa capaz nin de axudar aos servizos de atención a discapacitados".




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical