16.9.12

Noia: este luns 17 comezan obras de saneamento e subministro de auga en Bergondo

  •  A obra ten un orzamento de 304.033,60 € e un prazo de execución de 6 meses
  • A obra será realizada directamente polo Concello, o que permitiu a contratación de sete persoas ( un oficial e seis peóns) durante os seis meses do periodo da obra
  • Ao remate, asfaltarase a zona e instalaranse pasos de peóns elevados para mellorar a seguridade viaria

Media_httpfarm7static_qggfj

As obras foran anunciadas o 18 de novembro de 2011


Noia, 16 de setembro de 2012. Estas obras consistirán na renovación de toda a canalización do subministro municipal de auga, eliminando o vello entubado en fibrocemento que está a sufrir continuas crebas, e substituíndoo por 1.944 metros liñais de tubería de auga de PVC. Ademais substituriranse 990 metros liñais de saneamento facendo separativo de fecais e pluviais para unir coa obra que está realizando a Xunta de Galicia pois o actual saneamento presenta numerosas deficiencias, o que está provocando filtracións e danos. Unha vez realizadas as conexións destes servizos básicos procederase ao asfaltado de 6.770 metros cadrados. Tamén está prevista a instalación de pasos de peóns elevados para a mellora da seguridade vial.

 

Media_httpfarm5static_vrauh

Tamén se poñerán pasos de peóns elevados, como se fixo na Barquiña

 

Desde o Concello estase coordinando coas empresas de servizo de gas, telefonía e electricidade para na medida do posible repoñer liñas, soterrando onde sexa posible, e aproveitar para que, onde se queiran instalar novas canlizacións destes servizos privados, poder facelo de xeito conxunto.

 

"Para o Concello é urxente a mellora de servizos básicos nesta zona, para corrixir as deficiencias en servizos municipais a unha poboación que medrou moito nos últimos anos, contando na actualidade con máis de 800 habitantes", explican dende fontes municipais.

 

Carencias

 

As principais carencias no barrio de Bergondo son no subministro de auga, xa que é a zona da vila máis afectada (xunto co barrio de Labarta) polos cortes no subministro dun servizo básico como é este vital e líquido elemento. Co cambio de canalización a PVC tamén mellorará a calidade de auga.

 

Asemade, está prevista nesta actuación a conexión da tubería de auga principal desde a Ponte de Noia ata Catro Camiños, onde conectará coa obra de substitución da canalización de auga desde Catro Camiños ao Pereiro e que se rematou hai un par de meses. Deste xeito quedará conectado en tubería de PVC de 16 atm desde a Ponte de Noia ata o depósito que alimenta Boa e Taramancos.

 

A obra está incluída no POS e está financiada polo Concello de Noia e pola Deputación Provincial de A Coruña.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical