19.9.12

Política: Rianxo foi escollido polo Bng para abrir os mitins de precampaña, con Guillerme Vázquez

  • O portavoz nacional do Bng incide en que "votar Feijóo é votar Rajoy" e ponlle nota ao goberno da Xunta actual: "non supera o umbral do moi deficiente"
  • Tamén se fixeron alusións ás andanadas do Borbón contra o independentismo: "namentres o Rei di que rememos todos xuntos, el segue no seu iate"




Rianxo, 19 de setembro do 2012. O portavoz nacional do BNG participou este serán nunha charla-coloquio en Rianxo xunto co alcalde, Adolfo Muiños, a candidata número 2 por A Coruña, Ana Pontón, e representantes do ensino, do mar e mesmo afectados polas preferentes.

Vázquez criticou as medidas do PP “consistentes só en duros recortes que recaen nas costas de traballadores, pensionistas, mulleres, estudantes, persoas dependentes e os máis desfavorecidos. Ou na súa pasividade para cos nosos sectores productivos porque os está deixando caer sen remedio”.

Tamén se referiu á grave situación pola que están a atravesar os estaleiros galegos públicos e privados, os baixos prezos para o leite, o engano masivo das preferentes “posto que o PP legalizou unha fraude e agora aproba unha lei segundo a cal poden perder até o 80% dos aforros investidos”. Mencionou “os acordos de pesca que non se renovan e prexudican sobre todo á flota galega, e a última que non vos debedes perder: fan unha proposta no Parlamento europeo para que na etiquetaxe das conservas e peixe e marisco fresco non figure a orixe dos productos”.




“Son únicos en destrozar o país. E vai Feijoó e pide que os comicios galegos non se convirtan nun exame da xestión de Rajoy senón que se avalíe só a súa xestión. Claro que sí, el soliño abonda. Desde logo, nós estamos dacordo en pór nota á súa xestión porque a verdade que non chega nen ao umbral do moi deficiente”, asegurou o portavoz nacional do BNG, quen engadiu “que ninguén se leve a engano. Son a mesma cousa: votar a Feijoó é votar a Rajoy. Andan a voltas co resgate, xa non saben que facer para evitar pedilo antes do 21-O, e por qué? Porque nos están enganando, ocultan o seu verdadeiro programa e os seguintes salvaxes recortes que van levar a cabo. Xa o dixo o Eurogrupo, un segundo resgate implicará unhas duras condicións”, argumentou Vázquez na emblemática praza de Rafael Dieste.

Guillerme Vázquez sinala “a necesidade de parar esta deriva. Hai que parar ao PP e na Galiza temos unha oportunidade excelente para poñerlles o primeiro atranco. O descontento social, o malestar pola baixada de salarios, por unha altísima taxa de paro, por desmantelar a sanidade e a educación públicas, por pechar a lei de dependencia, por todos os ataques ás maiorías sociais, hai que canalizalo, hai que reaxir e votar opcións políticas nacionalistas e de esquerdas como o BNG que defende a Galiza, aos seus sectores produtivos, e estamos radicalmente en contra dos recortes”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical