14.9.12

Rianxo: do 28 ao 30 de setembro, Encontros de Arte e Natureza

  • Organizados por Axóuxere Editora, non van dirixidos só a artistas, senón a persoas con inquedanzas

Arte_e_natureza_cartaz

Rianxo, 14 de setembro de 2012. Os encontros de Arte e Natureza, segundo informan hoxe dende a editorial rianxeira Axóuxere Editora, "procuran un achegamento ao contorno natural para, dende a integración, producir un diálogo creativo partindo de diversas perspectivas e linguaxes artísticas, e intimamente ligado a experiencia deste contacto. Non se trata dun encontro dirixido exclusivamente a artistas, senón a todas aquelas persoas con inquedanzas creativas interesadas en propiciar este diálogo".

A teima desta edición: Camiñar

En cada edición, o traballo desenvólvese tomando como referencia un tópico, un concepto ou leitmotiv. Neste caso se trata da idea do "camiñar". Camiñar como proceso de desenvolvemento, de pensamento, de creación de mapas interiores, rutas emocionais e psicoxeografías. Camiñar como deriva, como horizonte ou como busca. O camiño que trazamos como relato da nosa existencia, do noso paso, como historia; mais tamén o terreo sen sendeiros, a descuberta de camiños ocultos e a invención de vías novas. O camiñar pola natureza en estado puro, virxe; o encontro co noso ser natural nese camiñar.

Na aldea de Brión

A aldea de Brión, en Rianxo, e o seu contorno, como outras aldeas galegas (desgrazadamente, cada vez menos, explican os organizadores) segue a formar parte do propio medio natural, pois na vida tradicional non hai separación entre unha e outro, senón máis ben unha simbiose orgánica a través da cal as diferentes culturas foron transformándose por miles de anos. A comarca do Barbanza, en cuxos xacementos arqueolóxicos (os explorados e os ignorados), mais tamén nas pedras das súas casas e muros, latexa o espírito vívido desa tradición, é fiel testemuña deste constante proceso. É, por iso, lugar privilexiado para, no andar, no camiñar, no deixarse levar polas voces antergas que poboan ese espazo e territorio, tecer o diálogo creativo que os encontros de Arte e Natureza procuran.

"Axóuxere Editora é, para alén d@s que arredor estamos, en certo modo, un camiño e, como todo camiño, vaise descubrindo a medida que se anda. Non hai paso que non traia un novo territorio, como non hai territorio que non apunte novos horizontes. Seguimos, na natureza que nos circunda —a que nos berra, a que nos dá acubillo, a que nos dá folgos e a que nos fai pequenos— o rastro do sagrado a través da beleza; "todo o que é bo é fermoso", si, mais tamén, como di o noso vello amigo Thoreau: "todo o que é bo é salvaxe". E nós deixámonos guiar por ese pulo indagador e irredento que en Rianxo aínda ecoa:
 

«Cómpre romper a marcha pola mesma estrada que fagamos
cos nosos pasos e afrontar nela unha peregrinaxe sen chegada,
porque en cada relanzo do camiño agárdanos
unha voz que nos berra: ¡Máis alá!»

 
(Do Manifesto Máis Alá, 1922
de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro)

Resumo:

Datas do encontro:
28 a 30 de setembro

Lugar:
Brión, Rianxo

Custo: 40€
(inclúe os obradoiros e aloxamento —2 noites— en bungalows compartidos no camping de Rianxo)

Inscrición e información:

Axóuxere
info@axouxerestream.com
Antón
629 818 199

Dirección:
Antón Sobral e Carmen Hermo

Coordina:
Axóuxere Editora

Colabora:
Concello de Rianxo
(Educación, Cultura e Normalización Lingüística)



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical