28.9.12

Ribeira: o Banco do Tempo local intercambiarase co de Marín

Banco_do_tempo_-_segunda_xunta

Ribeira, 28 de setembro de 2012.- Na tarde do pasado mércores día 26 de setembro tivo lugar a segunda xuntanza do grupo de socios e socias do Banco de Tempo de Ribeira (BdT). O obxectivo da mesma foi continuar coa estratexia de dinamización grupal para deste xeito afianzar o coñecemento mutuo entre os e as integrantes do BdT, e xerar a confianza necesaria para promover os intercambios tanto individuais como grupais.

Na reunión levouse a cabo unha dinámica de presentación onde cada participante expuxo que oferta e que demanda ao BdT e deixando tamén constancia das necesidades e intereses individuais e grupais. Ao longo da sesión ultimáronse a planificación de diversas actividades entre as cales cómpre destacar o intercambio grupal previsto para o vindeiro xoves día 4 de outubro, a partires das 17.30 horas con integrantes do BdT do Concello de Marín.

Os e as socias do BdT ribeirense elaboraron de xeito conxunto e consensuado un itinerario para amosarlles aqueles rincóns e lugares mais representativos de Ribeira poñendo en valor a idiosincrasia deste municipio. A sesión finalizará cunha dinámica de confianza que favoreza o contacto físico e coñecemento dos e das integrantes do grupo.

Obxectivos do Banco do Tempo

O Banco de Tempo consiste en “poñer en valor o tempo das persoas e o que son capaces de facer xuntas”. Esta rede social é un xeito de evitar o illamento persoal, onde todas as persoas teñen algo que ofrecer como coñecementos e experiencias que se poden compartir cós demais; ten o mesmo valor intercambiar xestións administrativas que acompañar a unha persoa a compartir un paseo, xa que a medida de valor é o tempo non o servizo intercambiado; este espazo de encontro e axuda mútua, fortalece as relacións e comunicación entre as persoas dun xeito recíproco dándose valores de empatía, confianza, soliariedade e axuda.

 

Este Banco de Tempo é un proxecto promovido pola Concellería de Igualdade a través do Centro de Información á Muller de Ribeira e financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Había bancos similares por estas bisbarras, como en Noia, pero desapareceron por falta de apoio da Xunta.

Calquera pode participar

Calquera persoa pode participar sendo socio/a do BdT. Tan só debe inscribirse, de balde, na Secretaría do Banco de Tempo, localizada no Centro de Información a Muller (CIM) na rúa Estrada marxe dereita no 4,15960-Ribeira, contactando coa Directora do (CIM) Ma Dolores Crujeiras ou coa Axente de Tempo: Herminia Dios Poceiro nos Tlfs: 981.874.131-873.409-666.689.122, enderezos electrónicos: cim@riveira.com; info@bancodotempo.com; hdios@aidsocial.com, e Sitio web: http://www.bancodotempo.com/




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical