5.10.12

Boiro: o Concello asina convenio, xunto a outros tres municipios gobernados polo PP, dun plan piloto de iluminación

  • Substituiranse luminarias e equipos por outros máis eficientes, o que permitirá acadar aforros enerxéticos de ata o 75%
  • Nos catro concellos beneficiados goberna o Partido Popular
  • No mesmo plan anunciado en febreiro eran oito os concellos que se ían beneficiar, todos do PP tamén

 

Boiro, 5 de outubro de 2012.- Como xa anunciamos o 14 de febreiro deste ano, a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén de asinar un convenio cos concellos de Boiro, Taboada, Pontedeva e Nigrán para a posta en marcha dun proxecto piloto de tecnoloxía eficiente en iluminación pública que ten por obxectivo permitir aos concellos galegos reducir custos enerxéticos e económicos.

convenio_luminarias

Mediante este plan piloto ensaiarase a posta en práctica de medidas de aforro e eficiencia enerxética en puntos estratéxicos dos catro concellos dotándoos dos sistemas más avanzados. Ademais da conseguinte redución de custos enerxéticos e económicos e a potenciación dun uso racional da enerxía, levará aparelladas unha mellora na calidade do servizo público, así como unha repercusión directa na protección do medio ambiente.

Así, e tralo convenio firmado hoxe, instalaranse nos catro concellos preto de 600 luminarias coas últimas tecnoloxías, aspirándose a reducir de xeito considerable os consumos enerxéticos nas zonas incluídas no estudo. En total, prevese un aforro enerxético conxunto superior ás 273.000 kWh/ano, o que significaría acadar unha redución de entre o 55% e o 75% con respecto aos consumos actuais, aforrándose, nas zonas de actuación, máis de 46.000 euros por exercicio. Ademais, evitarase a emisión a atmosfera de preto de 100.000 kg de CO2 por exercicio, cifra equivalente á plantación de 4.800 árbores.

Coa materialización deste acordo, adóptanse importantes medidas de promoción do aforro na administración local, onde o contacto co cidadán é directo e, polo tanto, ditas medidas teñen un maior grao de visibilidade e repercusión pública. O proxecto piloto ten un custo total de 200.000 euros, dos que o Inega achega o 40%, General Electric Lighting custea o 49%, e os concellos seleccionados participan, a partes iguais, co 11% do orzamento restante.

Pásase de 8 concellos no plan piloto a catro

O Inega non explica na súa nota de prensa a razón de que os beneficiados por este plan piloto sexan agora catro concellos e non os oito que anunciou en febreiro. Daquela escribimos:


"Na Coruña foron escollidos Boiro e Boqueixón, ambos con maioría absoluta do PP; en Lugo, Foz -PP en minoría pero gobernando- e Taboada -maioría do PP-; en Pontevedra serán tres concellos, a saber: Nigrán, onde tamén goberna o PP; Moraña, tamén con alcaldesa do PP, e Ribadumia, oh casualidade, tamén con alcaldesa do PP. En Ourense, nin que dicir ten que os concellos beneficiados deste plan aforrista son do PP: Arnoia -cun alcalde do PP que leva 30 anos e tamén é delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, o que foi ver o partido do Madrid mentres a provincia ardía por todos lados en outubro- e Pontedeva".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical