8.10.12

Fotografía: Alfonso Novo presidiu a inauguración da súa mostra "Memorias de China" en Ribeira

  • A exposición consta de 32 imaxes e poderase ver no auditorio ribeirense ata o 16 de novembro


 

Ribeira, 6 de outubro de 2012.- Alfonso Novo estivo acompañado por moito público no acto inaugural da exposición “Memorias de China”. Esta mostra componse dunha selección de 32 fotografías (a maioría delas en branco e negro) que Novo, que é de Ribeira, tomou durante a súa estancia no país asiático no ano 2007. Estará aberta no Auditorio Municipal ata o 16 de novembro.

O acto de apertura contou co alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz  e a titular da Concellería de Cultura (a área encargada de montar a mostra), Elvira Pisos.

 

Dúas partes

Alfonso Novo agradeceu o interese do Concello en exhibir a exposición e explicou que as imaxes que forman parte da mesma pertencen a un período no que aínda non se dedicaba profesionalmente á fotografía (hoxe dirixe un estudio especializado nas ramas artística e social). Tamén informou de que a mostra está dividida en dous apartados, un dos cales corresponde ao retrato de persoas desenvolvendo as súas tareas cotiás (traballar, ler, comer, durmir, afeitarse...) e outro centrado en motivos arquitectónicos (tellados, portas, murallas, mosteiros, pazos imperiais...).

Novo expresou o seu desexo de que “Memorias de China” sexa do agrado do público que pase polo Auditorio Municipal.

O alcalde Manuel Ruiz destacou "a gran sensibilidade artística que dende sempre caracterizou a Alfonso Novo" e subliñou a oportunidade que ofrece esta mostra de descubrir a realidade do país oriental, difícilmente observable cando un acode por negocios ou para facer turismo. “Con esta exposición Alfonso demostra que foi quen de introducirse na sociedade chinesa... nas entrañas do que é ese país”, declarou o alcalde, quen antes de rematar afirmou que “esta é a primeira mostra que fai Alfonso en Ribeira e confío en que non sexa a última". Finalmente, Ruiz Rivas entregou a Novo dous agasallos institucionais no nome do Concello.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical