10.10.12

Ribeira: a asociación Flor de Toxo volta solicitarlle ao Concello, e van tres veces, un local para actividades

Flor_de_toxo_neve
Imaxe de grupo dunha das actividades de Flor de Toxo en León

Ribeira, 10 de outubro de 2012. A Xunta Directiva da asociación cultural-xuvenil Flor de Toxo acordou solicitarlle ao Concello de Ribeira por terceira vez a cesión dun local onde poder desenvolver as actividades. "Amparámonos na lexislación vixente para xustificar a nosa petición", sinalan dende este colectivo.

Esta entidade constituíse a finais do ano 2009 neste municipio, coa fin de dinamizar á poboación máis nova a través da cultura e o ocio. A presenza desta entidade na vida social e cultural de Ribeira "é evidente, nos case 3 anos que levamos en activo convertémonos na entidade xuvenil con maior presenza e número de actividades neste concello", argumentan.

Entre as actividades realizadas por Flor de Toxo, sinalan. 

-Participación anual na Cabalgata de Reis, levando de xeito altruísta aos nenos do C.E.I.P O Grupo.

-Participación anual no Festival de Murgas e Comparsas (única murga participante con tódolos seus membros entre os 15 e 30 anos)

-Viaxe anual á Estación Invernal de San Isidro (León).

-Recital de poesía galega, sendo os recitantes persoas mozas do municipio.

-Homenaxe ao Patrón do Xurelo

-Máis dunha vintena  de concertos de grupos locais, dándolle a moitos deles a oportunidade de realizar o seu primeiro concerto e darse a coñecer.

-Festival Solidario “Bailando entre os Toxos”  nos anos 2010 e 2011 destinando o 100% das entradas a Cáritas Ribeira e Cruz Vermella, fomentando así os valores da solidariedade entre a xente moza.

-I Ciclo de “Retranca da Ría”, na que participaron actores, narradores e cómicos do primeiro nivel en Galicia, realizamos estas actuacións en locais hostaleiro contribuíndo así a dinamización do ocio nocturno e saudable e fomentando o consumo na hostelería.

-Peregrinación Xuvenil con motivo do ano Xacobeo.

-Acampada da mocidade nos anos 2011 e 2012 en Cespón e Taragoña, dando así a coñecer á mocidade a riqueza paisaxística e arqueolóxica de Arousa Norte .

-Organización dun magosto para a xuventude, durante o ano 2010 e 2011.

-Denuncia pública das barreiras arquitectónicas (maio 2011), hai que destacar a importancia de ter un grupo de mozo con conciencia social e que se preocupen e defendan os dereitos das persoas con discapacidade.

-Participación no V EMAX (encontro e mostra de asociacións xuvenís de Galicia e de xóvenes emprendedores, realizado en Vilagarcía de Arousa en outubro de 2011 e organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade).

-Organización no “Nadal Musical”...

Actividades no presente

Actualmente están realizando un obradoiro para a recuperación dunha comparsa de cabezudos. "É moi importante que se conseguise un grupo de xente moza disposta a devolverlle a Ribeira parte do seu patrimonio histórico. Tamén temos un proxecto de colaboración con AMBAR", aseguran dende Flor de Toxo.

Lexislación vixente

Na recentemente aprobada Lei de Xuventude de Galicia no seu artigo 34 establécense as competencias das administracións locais en materia de xuventude, no epígrafe F sinálase que “ as administracións locais deben contribuír ao fomento e impulso do asociacionismo xuvenil como canle de participación en todas as ordes da vida municipal” e no epígrafe H di o seguinte “ as administracións locais deben contribuír “ a promoción da colaboración con entidades de carácter privado que lle presten servizos á xuventude no seu ámbito territorial”, na mesma lei, no artigo 48.2 establécese que “as administracións públicas competentes en materia de xuventude fomentarán a máxima participación efectiva da mocidade na execución das políticas públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o impulso, o fomento e consolidación do movemento asociativo xuvenil”.

Tamén sinalan o artigo 72 das bases de réxime local onde di “Las Corporaciones locales favorecen el desarrollo de las asociaciones para la defensa de los intereses generales o sectoriales de los vecinos, les facilitan la más amplia información sobre sus actividades y, dentro de sus posibilidades, el uso de los medios públicos y el acceso a las ayudas económicas para la realización de sus actividades e impulsan su participación en la gestión de la Corporación en los términos del número 2 del artículo 69” .

Flor de Toxo afirma que en moitos municipios o goberno municipal cede a asociacións locais sociais onde poder desenvolver as súas actividades, reunirse, gardar material… "Podemos citar casos como no Concello de Muros á Asociación Praia do Castelo, en Boiro onde varias asociacións dispoñen de espazos propios no Centro Social, Maceda onde se lle ten cedido un local á Asociación Xuvenil O Pipote, en Culleredo onde se lle ten cedido local á Asociación Xuvenil Castelo, Teo onde o concello asume os gastos de luz, calefación, auga e teléfono da Asociación Recreativa Los Tilos, ou mesmo no noso municipio onde hai moitas entidades que dispoñen de locais para o seu uso e disfrute. Ou mesmo a Xunta de Galicia ten cedidos espazos para os Clubs de Xubilados".

Ningunha subvención pública

"Esta entidade recibiu 0€ durante o presente exercicio das administracións públicas, polo que entenderá que é crítica a situación económica desta entidade. Sabemos que son tempos difíciles, é que hai que aguzar o enxeño para poder facer máis con menos cartos", sinálanlle ao alcalde, Manuel Ruiz Rivas, na nova petición de local por escrito.

"Que atendendo a todos os motivos expostos anteriormente, entendemos que sería posible que o concello nos cedese medios en vez de cartos, polo que pensamos na posibilidade que  se nos CEDESE UN LOCAL MUNICIPAL para  poder desenvolver as nosas actividades, realizar reunións, gardar material e servir como local onde poder realizar actividades, sabemos que dispoñen de locais sen uso  na zona de Abesadas, Baixo do Auditorio Municipal, o baixo do anfiteatro de San Roque, e ducias deles máis distribuídos polo municipio. Sentiríamos que a nosa entidade se atopa nunha situación de discriminación se non se nos cedese un local, pois ténselle cedido a outras anteriormente e cremos que aos locais baleiros lles hai que dar uso e poñelos a disposición da participación cidadá e esta entidade ben merecido o ten", rematan.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical