16.11.12

Ribeira: nove colexios dentro do ciclo de cinema escolar para promover en valores

Media_httpfarm9static_bmbli

Vicente Mariño e María do Carme Vizcaya

Ribeira, 16 de novembro de 2012.- O Concello acaba de poñer en marcha unha nova acción de sensibilización social dirixida ao ensino, consistente nun ciclo de cine escolar que se subdivide en dúas programacións en función do público ao que están orientadas: a infancia e os alumnos e alumnas de máis de 12 anos.

Coa intención de explicar o contido desta iniciativa, que recibe o apoio do Fondo Galego de Cooperación, compareceron no Consistorio Local os concelleiros de Educación e Servizos Sociais, Mª Carmen Vizcaya e Vicente Mariño, respectivamente.

Xa hai nove centros involucrados, que proxectarán algúns dos filmes que hai a disposición (sete en total) nas súas respectivas instalacións. Non obstante, a edil de Educación quixo facer un chamamento a todos os colexios do municipio para que se sumen á acción, na certeza do seu interese para educar en valores á mocidade.

As dúas programacións existentes son:

1. A EDUCACIÓN, DEREITO UNIVERSAL.

Datas: dispoñible durante os meses de novembro e decembro de 2012.

Dirixido a: rapaces de máis de 12 anos, ESO.

Lugar: centros de ensino secundario.

O ciclo está deseñado para que a infancia occidental poida ver as vantaxes de que dispoñen nos seus países desenvolvidos e libres, fronte a aqueles que sofren as carencias impostas pola intolerancia, as diferenzas por sexo, a pobreza... promovendo ao visualizar estes problemas a solidariedade e a empatía.

Películas:

Binta e a gran idea. (Javier Fesser. 2004. 29 minutos). Binta ten sete anos, vive nunha preciosa aldea xunto ao río Casamance no sur do Senegal e vai á escola. Súa prima Soda non ten a mesma sorte. A ela non se lle permite aprender as cousas que ignora deste mundo. Binta admira a seu pai, un humilde pescador que, preocupado polo progreso da humanidade, está empeñado en levar a cabo “unha idea” que se lle ocorreu.

Buda explotou por vergoña. (Hana Makhmalbaf. 77 minutos) Baktai é unha nena de seis anos que vive baixo a estatua de Buda que destruíron os talibáns. O seu maior desexo: poder estudar. A violencia está por todas partes e o camiño cara a escola será unha dura proba para Baktai. Os outros nenos acósana imitando con crueldade aos maiores, queren dispararlle ou simplemente destruíla coma o Buda. Logrará Baktai superar estes obstáculos para poder aprender os alfabetos da súa lingua materna?

Os rapaces do coro. (Christophe Barratier, 2004): En 1949 Vláment Mathieu, profesor de música en paro, comeza a traballar como vixiante nun internado de reeducación de menores. Especialmente represivo, o sistema de educación do director Rachin a penas logra manter a autoridade sobre os alumnos difíciles. Nos seus esforzos por achegarse a eles, Mathuieu descobre que a música atráelles poderosamente e entrégase á tarefa de familiarizalos coa maxia do canto, ao tempo que vai transformando as súas vidas para sempre.

Proxeccións xa concertadas:

IES Leliadoura (25, 31 de outubro); IES Nº1 (12, 13 de novembro);

CPR A Milagrosa (28 de novembro); CPR Galaxia (17 ao 21 de decembro).

 

2. EDUCANDO Á INFANCIA EN VALORES.

Datas: dispoñible desde o 12 de novembro ata fin de decembro de 2012.

Dirixido a: infancia, nenos e nenas de Primaria.

Lugar: centros de ensino primario.

Este ciclo promove o coñecemento da relación que hai entre as diferentes partes do mundo. Hai que ter en conta que Riveira é terra de mariños polo que os nenos coñeces as distancias xeográficas, pero é importante que coñezan outras formas de vida e a necesaria solidariedade internacional.

Películas:

Azur e Asmar. (Michel Ocelot, 2006) Dous nenos foron criados pola mesma muller: Azur, de louros cabelos e azulados ollos, era o fillo dun nobre; mentres que Asmar, moreno e de ollos negros, era o  propio fillo da ama de crías. Creceron xuntos como se fosen irmáns ata que o destino os separou. Xa adultos e convertidos en rivais procuran terras prodixiosas.

Kirikú e as bestas salvaxes (Michel Ocelot e Bénédicte Galup, 2005) O avó, no seu trono da gruta azul, cóntanos como Kirikú se converte en xardineiro, detective, oleiro, comerciante e médico, e cómo o máis pequeno e valente dos heroes terá que buscar no seu interior para atopar o valor, a astucia e a xenerosidade necesarias para triunfar sobre o mal.

James e o melocotón xigante (Henry Selik, 1996) Logo de morreren seus pais, James ten que vivir coas súas crueis tías. A visita dunha araña á que salva, proporciónalle un medio para escapar: un enorme pexego que medra no seu xardín. Mostra o valor da forza de vontade, a capacidade de triunfar sobre as adversidades, as diferentes perspectivas da vida...

Happy feet (George Miller, 2006) Na nación dos pingüíns emperador, na Antártida, nace Mumble o único pingüín bailarín de claqué. Pola súa diferente habilidade acaban por botalo da comunidade. Lonxe do seu fogar reúnese cun grupo de pingüíns diferentes que se afeccionan aos seus bailes e o convidan a formar parte do grupo. Mumble emprende viaxe a través de amplas paisaxes e ata demostrar o importante que é ser fiel a un mesmo.

Proxeccións xa concertadas:

CEIP de Artes (do 19 ao 23 de novembro); CEIP DE OLVEIRA (do 26 ao 30 de novembro); CEIP Aguiño (do 3 ao 5 de decembro); CPR A Milagrosa (do 10 ao 16 de decembro);  CPR Galaxia (do 17 ao 21 de decembro).



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical