27.12.12

A Pobra do Caramiñal: Ámbar marca o seu 30 aniversario cun monolito na rúa Castelao

  • A delegada territorial da Xunta na Coruña participou no acto de conmemoración e aproveitou para soltar un mitin sobre "o ben" que o está facendo o goberno de Núñez Feijóo no eido dos servizos sociais


A Pobra do Caramiñal, 27 de decembro de 2012.- A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe na Pobra do Caramiñal na celebración do 30 aniversario da asociación Ambar, dedicada á atención das persoas con diversidade funcional. O acto consistiu na inauguración dun monolito na honra da entidade e dos seus colaboradores diante do centro sociocomunitario do municipio, na rúa Castelao.

Acompañada polo alcalde, Isaac Maceiras, e pola presidenta de Ámbar, Milagros Rey, Do Campo aproveitou para felicitar á asociación pola labor desempeñada ao longo destas tres décadas. “A comarca do Barbanza ten a gran sorte de contar cunha asociación destas características, que contribúe a crear unha sociedade máis igualitaria, máis inclusiva e máis integradora”, indicou.

A representante do Goberno galego na provincia subliñou a importancia de que as entidades sociais e as administracións vaian da man na prestación dos servizos. Así, destacou a posta en marcha por parte da Consellería de Traballo e Benestar do Plan de Acción Integral para as persoas con discapacidade. Trátase dun documento de consenso que establece unha estratexia transversal na que participan todos os departamentos da Xunta. Do Campo tamén recordou o compromiso expresado hai uns días polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de blindar en 2013 os fondos destinados ao mantemento das entidades de discapacidade. Desta forma, a contía que recibirán o vindeiro ano será a mesma ca dos convenios da área social deste último exercicio, que acadou os tres millóns de euros.

“Nun momento de especial dificultade económica, a Xunta de Galicia amósase sensible cos colectivos que traballan a prol das persoas con discapacidade, pois entende que entidades como Ambar constitúen un piar básico para mellorar o seu benestar”, manifestou a delegada territorial.

Ámbar conta na actualidade cun grupo social de máis de 1.100 persoas. Desde a súa fundación en 1982, a entidade foi aumentando progresivamente a súa cobertura ás persoas con diversidade funcional e ás súas familias, ata estender os seus servizos aos concellos da Pobra, Ribeira, Rianxo, Boiro e Porto do Son. Ademais, está integrada nas asociacións do movemento asociativo de diversidade funcional de ámbito provincial e autonómico, formando parte da Federación Provincial da Coruña e da Confederación Galega (Cogami).

Como xa ven sendo habitual, os usuarios do centro ocupacional e de día da Asociación AMBAR celebrarán esta tarde na discoteca Tonos de Boiro a chegada de fin de ano.

FESTA DE FIN DE ANO ADIANTADA

Por outra banda, ÁMbar informou de que hoxe xoves 27, a partir das 17:00 da tarde e ata as 22:00 da noite, persoal e usuarios festexarán por todo o alto e ataviados coas súas mellores galas, a festa de fin de ano na discoteca Tonos de Boiro.  Na festa non faltarán música, sorpresas e ata as doce badaladas.

ÁMBAR agradece a colaboración do xerente da discoteca pola cesión de uso da mesma.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical