25.1.13

Boiro: o Psoe critica a ineficacia do goberno local do PP no derrubamento da Magdalena

Boiro, 25 de xaneiro de 2013. Os socialistas boirenses denuncian "a ineficacia do goberno local encabezado por Juan José Dieste, nesta ocasión en relación co derrubamento de terra na estrada da Magdalena a San Mauro, na C-305, onde se abateu parte do terreo dos barrancos enriba das beirarrúas e mesmo chegando ao vial por donde circulan os vehículos".

Para o Psoe boirense, "esta desfeita é previa ao temporal Gong, ata que hoxe mesmo, quince días despois, comezaron a retirar a terra desprendida.  Pasaron dúas semanas sen que dende o Concello se fixese absolutamente ningún tipo de acción para solventar este problema, poñendo, en consecuencia, en grave risco aos veciños e veciñas da parroquia, aos viandantes que pasean por esta zona e mesmo ás vivendas e aos propios vehículos, xa que advertimos que o risco de derrumbe é inminente. É por isto que podemos sinalar que este derrubamento é a mostra máis palpable e visible da desidia e desgoberno do Executivo Local".

A causa da talla de arborado

Dacordo coas conversacións con algúns dos veciños, o Psoe cre que o derrubo foi debido á
talla indiscriminada de árbores por parte do executivo boirense xunto coa falta de mantemento das infraestruturas do concello. "Agora o señor Dieste, supoñemos, vaise inventar algunha outra cifra que publicitar nos medios para subsanar esta deficiencia, tal e como xa fixera coa denuncia anterior realizada pola Agrupación Socialista de Boiro en relación coas verteduras ao río Coroño. Daquela afirmaba nun medio escrito que esperaba 5,5 millóns de euros e, noutro, 1,2 millóns. Sen embargo, a realidade é totalmente  diferente, xa que Boiro unicamente recibirá a ridícula cifra de 499,90 euros, que serán destinados á limpeza de praias. Esto ven reflectido nos orzamentos da Xunta para o presente ano 2013", apuntan dende o grupo socialista.
 
"Outra mostra da deixadez deste goberno é o acontecido no lugar de Vilariño en relación
coa limpeza de cunetas e canalización das augas pluviais fóra da estrada que impiden aos
veciños mesmo poder camiñar pola rúa. A pesares das diversas denuncias e reclamacións
realizadas nas dependencias do concello, este asunto segue sen ser resolto, empeorando
en días como os actuais de chuvias abundantes. Sendo conscientes de que o alcalde non fai o seu traballo, dende o PsdeG de Boiro vimos de presentar unha batería de enmendas aos orzamentos da Xunta, nas que se atopaba, entre outras cuestións, o arranxo do derrubamento na estrada C-305, coa proposta de realizar uns muros de contención. Xa que o goberno do Partido Popular semella cruzarse de brazos, seremos os socialistas os encargados de solicitar e esixir ante os estamentos superiores o que consideramos que é xusto para o noso municipio", remata o Psoe de Boiro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical