28.1.13

Colaboración: "A música do purgatorio", por Javier Ferreirós

Veume á memoria o outro día: no verán de 1994, un hospital do Reino Unido retirara da súa emisora privada a canción “My Way”, na versión de Sinatra, por respecto ós enfermos terminais. Ó pouco tempo algúns deses enfermos, os que aínda podían alzar a voz, reclamaron que a volveran poñer, e tal cousa fixeron os responsables do hospital.

A letra da canción di o seguinte: “E agora, a fin está cerca...”, e o narrador continúa repasando os seus erros e as dificultades polas que pasou na vida, para reafirmarse no retrouso dicindo aquilo de “pero fíxeno ó meu xeito”, como a min me petou. Manténdome firme. Fai balance e chega á conclusión de que pagou a pena. Está listo para enfrontarse ó abismo. Ó escoitala na voz de Sinatra, sabemos o que sospeitabamos pola letra: o protagonista é un home descrido, apegado á terra, desenganado e curtido, que sabe que ó morrer todo rematou.

Media_httpuploadwikim_zobss

O Purgatorio. Ilustración de Blake para "A Divina Comedia"

En A Divina Comedia non todos os pecadores merecen o inferno; os sete pecados capitais pódense limpar se te arrepentiches en vida, aínda que fora a última hora. Os que no mundo foron soberbios, envexosos, iracundos, preguiceiros, avariciosos, lambóns ou luxuriosos poden ter unha segunda oportunidade, e son situados por Dante nas diversas terrazas do Purgatorio, un monte que acolle no cumio o Xardín do Edén. O Purgatorio é un continuo recital, e os penitentes, namentres limpan as súas culpas, cantan xuntos en perfecta harmonía. Así, no recinto da soberbia o poeta escoita voces cantando “Beati pauperes spiritu”, “de tal xeito que non podería expresarse con palabras” (Purgatorio, Canto XII); onde os envexosos, Dante o Peregrino escoita cantar tras del, mentres avanza, “Alédate ti que vences” (Canto XV); un grupo de iracundos entoan o “Agnus Dei” e así van “desatando o nó da ira”, di Virxilio (Canto XVI).

Dante tivo que dotar a súa fermosísima alegoría dunha arquitectura, semellante á  das catedrais que vía construír nas cidades polas que pasaba no seu exilio, exilio ó que se lle condenou por vivir ó seu xeito, como a el lle petou, por manterse firme. Como todo home curtido, sabía que todos somos soberbios, envexosos, iracundos, preguiceiros, avariciosos, lambóns e luxuriosos varias veces ó día. El mesmo confesa unha leve falta, por envexa, aínda que di temer máis a condena por soberbia (Canto XIII), tal vez porque se sabe un xenio poético. Pero para o home medieval cabía arrepentirse antes de morrer, purgar os pecados no outro mundo e finalmente chegar ó Ceo: quedaba a esperanza trala morte. Que lle queda ó home moderno? A nada, e despois desa nada, nada outra vez. Non cabe arrepentirse, porque seguramente non hai Ninguén escoitando, nin con poder de salvarnos; seguramente non hai salvación posible... pero tampouco condena.

O único purgatorio é o da nosa conciencia. E así aqueles enfermos terminais do hospital inglés cantaban como as almas do Purgatorio de Dante, harmonizando a súa voz interior coa voz de Frankie Ollos Azuis, curtida por unha eternidade de noites. E esa é entón a única Eternidade posible. Cantarían, moitas veces, sen ningunha esperanza nun Paraíso, só para dicirse que viviran ó seu xeito e perdoárense a eles mesmos. Enfrontándose ó abismo final sen promesas vacuas. Con auténtica valentía. Con un último pulo de sangue quente no seus corazóns.“Para que é un home, que é o que ten? Ou a si mesmo, ou nada; poder dicir as cousas que sinte de verdade, e non as palabras dun que se pon de xeonllos; polo dito quedou claro que encaixei os golpes, e fíxeno ó meu xeito. Si, foi ó meu xeito”.


Músico e historiador
Serie exclusiva para Certo coa análise
dos principais discos da música mundial
"Música por dentro"

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical