21.1.13

Pesca: a eurodeputada Ana Miranda estivo en Noia coa baixura e o marisqueo da bisbarra Muros-Noia

  • Segundo lles explicou aos alí reunidos o pasado sábado, o Bng defende no EuroParlamento "que a frota artesanal como a de Muros-Noia teña fondos específicos na futura Política de Pesca Común (PPC) 2014-2020"
  • A nacionalista tamén demanda axudas para a modernización da frota, incluídas as embarcacións auxiliares das bateas, para o apoio comercial dos produtos e aposta pola acuicultura extensiva fronte as macroplantas industriais

Noia, 21 de xaneiro 2013 .- A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantivo o pasado sábado no salón de plenos do Concello de Noia un encontro co sector pesqueiro da Ría de Muros-Noia para explicar o momento en que se atopa a reforma da futura Política Pesqueira Común (PPC) 2014-2020, que nos próximos meses será aprobada polo Parlamento Europeo, e que terá unha repercusión evidente para o sector da pesca e do marisqueo en zonas altamente dependentes desta actividade como a comarca do Barbanza.

Ante unha nutrida representación do sector, Miranda explicou que o BNG traballa para que a PPC teña un “marcado contido social”, apostando polo mantemento do emprego no sector, por medidas de apoio á frota de baixura, polo marisqueo tradicional fronte a macroplantas de acuicultura industrial, por dar valor aos produtos das Rías galegas respectando as denominacións de orixe e por reforzar a seguridade das embarcacións, entre outras medidas plasmadas nas emendas presentadas na Eurocámara.

Neste sentido, Miranda explicou ao sector pesqueiro de Muros-Noia que o BNG defende que a futura reforma da Política Pesqueira Común inclúa un “programa específico” para a pesca artesanal ou de baixura como a que desenvolve maioritariamente a frota do Barbanza, e para o marisqueo tradicional, moi significativo tamén nesta comarca con catro polígonos de bateas de mexillóns e unha importante produción de berberecho.

Ese programa específico sería financiado co Fondo Europeo e Marítimo de Pesca (FEMP), que forma parte do paquete de documentos da reforma da PPC, e que ten un orzamento inicial de 6.500 millóns de euros para o período 2014-2020.

CALIDADE E SINGULARIDADE

Durante o encontro celebrado no salón de actos do Concello de Noia, Miranda tamén salientou a necesidade de defender a  "calidade e singularidade" dos produtos da Ría de Muros-Noia, tanto en fresco como transformados, dando un papel clave ás denominacións de orixe. “O consumidor debe saber en todo momento se o produto que consume ven das nosas rías ou doutras latitudes, porque sabemos que esa información é un valor engadido que da vantaxes comerciais aos produtores de Muros-Noia, dado o prestixio dos produtos desta Ría”, explicou.

AXUDAS PARA MODERNIZACIÓN

Dentro das súas propostas á PPC, a eurodeputada tamén destacou a proposta do BNG para establecer axudas específicas para a modernización das embarcacións, co obxectivo de dar “maior seguridade laboral” á tripulación, incluídas as embarcacións auxiliares das bateas e a posibilidade de construír un novo barco para substituír outro que se dea de baixa.

Igualmente, axudas para os traballadores do mar que podan verse afectados por paros na actividade pesqueira, como as paradas biolóxicas para a recuperación de caladoiros, ou debido a procesos de renegociación de acordos pesqueiros entre a UE e terceiros países.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical