15.1.13

Ribeira: bases do Festival de Murgas e Comparsas do Entroido, a celebrar o martes 12 de febreiro

  • Máis de dous mil euros en premios e 200 euros de gratificación por participar, segundo os casos

Media_httpfarm8static_wuqsv

BASES

 

1.- Establécense dúas categorías de participación:

- Infantil: ata 15 anos (incluídos).

- Adulto: dende os 16 anos (incluídos).

 

2.- As murgas e comparsas deberán estar formadas por un mínimo de 14 participantes, sen límite máximo. Na categoría infantil ademais deberá contar con 1 adulto (como máximo) por cada 2 nenos/as.

 

3.- Deberán representar a unha asociación, entidade ou agrupación, establecendo o máximo permitido de unha murga ou comparsa por categoría, modalidade e asociación.

 

3.1.- Establécense as seguintes categorías e modalidades:

a) Murgas (persoas adultas): Máx. 15 agrupacións, das que doce serán do termo municipal e tres do resto de Galicia. De non cubrirse os máximos admitiranse todas as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos destas bases.

b) Murgas (infantil): Máx. 5 agrupacións.

c) Comparsas: Máx. 5 agrupacións.

Serán seleccionadas pola organización tendo en conta en primeiro lugar a antigüidade de participación neste evento e en segundo lugar a data e número de rexistro da súa inscrición no festival.

 

4.- Para ambas as dúas categorías (infantil e adulta), as letras das MURGAS deberán ter unha extensión máxima de 1 canción, non superiores no seu conxunto a 60 versos, nin cunha duración total superior a 8 minutos (incluíndo música, posta en escena e coreografía).

 

5.- O vestiario debe estar en consonancia con algún dos temas principais das letras das murgas ou un tema de actualidade ou interese xeral.

 

6.- Poderase introducir elementos complementarios en relación coa interpretación dos temas e letras, sempre que non constitúan un risco nin perigo para a cidadanía ou motivo de ofensa á honra e dignidade das persoas, asumindo o representante de cada murga ou comparsa a responsabilidade ante reclamacións de terceiros que puideran xurdir en canto ás letras, músicas, vestiarios e outros.

 

7.- Establécese como data límite de inscrición e de presentación das letras o MARTES 5 de febreiro do presente ano, antes das 13:30 h, no Rexistro Xeral do Concello ou no Auditorio Municipal. Entenderase que a non presentación dará lugar á non participación no Festival de Murgas.

 

7.1- Xunto coa solicitude de participación, achegarase letra/s da murga debendo ademais presentalas en soporte dixital xunto ao logo identificativo da agrupación (cd, pendrive, email...), relación dos integrantes do grupo (murga ou comparsa), co nome e apelidos de cada participante, así como o nome da Murga ou Comparsa. No caso de non tratarse dunha entidade deberán presentar fotocopia de DNI de todos os integrantes da Murga ou Comparsa e aplicaráselle o IRPF correspondente á gratificación e/ou premio que corresponda. Tamén haberá que nomear un representante de cada grupo ante o Concello, que deberá entregar fotocopia do DNI e datos fiscais (CIF da entidade) para o pago da gratificación/premio correspondente.

 

8.- As murgas participantes comprométense a tomar parte no desfile previo á celebración do festival no lugar e hora que a organización estableza, así como a animar o pasarrúas.

 

9.- O Festival celebrarase da seguinte maneira: subirán ao escenario as comparsas participantes para lucir a súa vestimenta –a súa actuación non excederá de 3 minutos-, actuarán a continuación as Murgas da categoría Infantil, e ao rematar estas, As da categoría de persoas Adultas. Todas elas por orde alfabética.

 

10.- Establécese a contía total de 3.800 € para as gratificacións e 2.200 € para os premios, segundo o seguinte sistema de reparto para as distintas categorías e/ou modalidades:

 

10.1.- Gratificacións por participación:

a) POR CATEGORÍA/MODALIDADE: Máx. 200 € para cada Murga (infantil ou adulta)

Máx. 200 € para cada Comparsa

b) POR AMBAS DÚAS CATEGORÍAS:

No caso de que algunha asociación estea representada nas dúas categorías/modalidades a gratificación será en conxunto por importe máximo de 300 € (os membros de cada unha das murgas (infantil/adulta) ou comparsas deberán ser diferentes entre si e acadar os mínimos requiridos).

Nota: No caso de que as gratificacións aos grupos participantes excedan a contía total destinada aos mesmos o reparto será proporcional entre todas elas ata o límite establecido. Ás gratificacións aplicaráselle a retención fiscal que corresponda segundo a lei.

 

10.2.- As murgas, na categoría de Adultos, optarán os seguintes Premios:

- Primeiro Premio: 1.000,00 €

- Segundo Premio: 500,00 €

- Terceiro Premio: 350,00 €

- Especial Premio Local: 350,00 €.

(No caso de que ningunha murga adulta do municipio de Riveira acadase un dos tres premios establecidos, este galardón entregaráselle á agrupación local que obtivese a maior puntuación).

 

10.3.- As murgas premiadas quedarán excluídas das gratificacións e as murgas infantís e

comparsas, non optarán a ningún premio.

 

11.- Para establecer os premios, existirá un Xurado que estar á composto por seis membros: cinco profesionais (un por cada categoría a valorar: Letra, Música, Vestiario, Maquillaxe, e Posta en escena) e pola Concelleira de Cultura e Festexos –ou quen designe- que ostentará a presidencia do mesmo.

Cada membro contará con voto -1, 3 e 5-. A secretaría do xurado recaerá nun representante da Área de Cultura, con voz pero sen voto. A votación será inmediata ao remate de cada unha das actuacións. A decisión do Xurado será inapelable. En caso de empate priorizarase o criterio do xurado xa que os premios

son individuais e indivisibles.

 

12.- Ao remate do festival farase entrega a cada murga e/ou comparsa dun diploma acreditativo da gratificación, así como do premio obtido aos galardoados, que serán canxeables polo importe sinalado nos mesmos e recollido nestas bases, e faranse efectivos mediante transferencia bancaria nos Servizos Económicos do Concello nos días posteriores ao festival. A non presenza do representante designado por cada murga ou comparsa, no momento da entrega dos diplomas e galardóns e durante todo o Festival, considerarase motivo de renuncia á gratificación e/ou premio correspondentes, que inmediatamente pasarán a disposición da organización.

 

13.- Todas as murgas e comparsas participantes deberán aceptar estes criterios no momento da súa inscrición no festival; a organización será competente para resolver calquera dúbida xurdida das presentes bases.

 

Máis información:

AUDITORIO MUNICIPAL

Praza dos Mariñeiros -RIVEIRA

Teléfono 981.83.56.50 – Fax 981 873209

Correo electrónico: culturaefestexos@riveira.com

www.riveira.com

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical