18.2.13

Ribeira: o Concello desvela detalles do futuro centro social de Oleiros

Proxecto_centro_social_oleiros

  • O BOP anuncia hoxe a licitación da execución da obra e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 16 de marzo.
  • Unha zona verde con área de xogos e un espazo de aparcamento completan a utilización da parcela coñecida como Horta do Cura.
  • Enmarcado no proxecto Riveira Atlántica 2015, que está cofinanciado nun 70% con fondos FEDER, a construción do inmoble ten un orzamento de 800.000 euros e un período de execución de 8 meses.

Ribeira, 18 de febreiro de 2013. A construción do Centro Social e de Ocio Sostible de Oleiros sae a licitación, tras a publicación no día de hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do correspondente anuncio, que indica que o prazo para presentar ofertas comeza mañá e remata o vindeiro día 16 de marzo.

A construción do Centro Social e Ocio Saudable en Oleiros é unha das actuacións economicamente máis importantes entre as incluídas no Proxecto Riveira Atlántica 2015, que está cofinanciado nun 70% con fondos europeos FEDER. Ten un orzamento de 800.000 euros (661.157,03 euros máis IVE) e un prazo de execución de 8 meses. O procedemento para a contratación da empresa adxudicataria é aberto con multiplicidade de criterios de adxudicación.

Proxecto

A redacción do proxecto fora adxudicado no pasado novembro a Carlos Seoane Arquitectos, S.L., por un importe de 38.720 euros, IVE incluído.

Conforme ao proxecto de execución deseñado, o inmoble estará situado nunha esquina da pacela coñecida como Horta do Cura, de 2.506 metros cadrados de extensión, para liberar así a maior superficie posible para esparcimento ao aire libre dos veciños.

Versatilidade de usos

A edificación constará de dous volumes dunha soa planta dispostos en “L” arredor dunha praza pública de 990 metros cadrados. Cada un destes volumes terá un carácter distinto: un lonxitudinal a modo de fondo de praza onde se sitúan todos os despachos e espazos máis convencionais; e un segundo, situado no borde norte da parcela, como un espazo flexible e divisible mediante tabiques móbiles. Este último volume poderase abrir ao exterior permitindo unha maior versatilidade de usos, incluso para dar cabida a actividades culturais abertas á nova praza aproveitando a diferenza de cota sobre a mesma. Por outra parte, un xogo de escalinatas-graderío permitirá un uso distinto deste último espazo liberado.

O volume 1 -de 201 metros cadrados construídos e unha superficie útil de 168- comprenderá un despacho de dirección, dous despachos de persoal, un área de información, aseos, vestíbulo, un carto de limpeza, almacenes e unha sala polivalente de 55 metros cadrados.

O segundo dos volumes -de 241 metros construídos e unha superficie útil de 220 metros cadrados- albergará un salón de actos de 100 metros cadrados e dúas aulas taller de 50 metros cada unha, ademais de almacenes, aseos e un vestíbulo.

O centro social contará demais cun vestíbulo cuberto de 110 metros cadrados e un vestíbulo descuberto de 72 metros, ademais dun espazo de circulacións, ata completar a superficie total de 646 metros cadrados construídos.

Ademais, a parcela albergará unha zona verde de 521 metros cadrados con área de xogos infantís e populares, un aparcamento de 250 metros cadrados e incluso unha pista de petanca tradicional.

Funcións do centro social

Entre os obxectivos con que se concibiu o novo centro figuran:

  • Atender a colectivos desfavorecidos.
  • Realizar talleres de recuperación de oficios tradicionais para persoas desempregadas utilizando as novas tecnoloxías e criterios de deseño industrial e o apoio na comercialización de ditos produtos.
  • Impartir cursos de formación en novas tecnoloxías para todos os niveis, incluída a terceira idade.
  • Centralizar os servizos de promoción do parque patrimonial Oleiros-Artes.
  • Organizar outros actos didácticos de diversa índole como por exemplo aulas de natureza, xornadas de produtos naturais, seminarios temáticos de gastronomía local, etc.
  • Promocionar a cohesión territorial e social.
  • Integrar os servizos de promoción turística.
  • Albergar exposicións.

Valorizar os atributos turísticos de Riveira, puntal para o crecemento socio-económico

O propósito xeral do proxecto Riveira Atlántica 2015 é a transformación  do municipio nun destino turístico de primeira orde baseado nos seus propios recursos naturais, patrimoniais e industriais. O desenvolvemento integral do proxecto contribuirá de forma directa ao crecemento do emprego e á diversificación da actividade económica, partindo da rexeneración de dúas unidades paisaxísticas con identidade diferenciada: a dinámica fluvial propia da área litoral interior da contorna rural e a dinámica marítima do espazo urbano.

Os principais obxectivos estratéxicos céntranse na promoción económica, na creación de emprego e oportunidades comerciais a través da diversificación produtiva e mellora das infraestruturas e servizos locais, na calidade ambiental e a protección da contorna natural e o patrimonio cultural, fomentando ao mesmo tempo a Sociedade da Información e universalización do acceso ás TIC, facendo fincapé na conciliación familiar e a cohesión social.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical