14.3.13

Boiro: a Xunta augura beneficios para o municipio coa nova Lei de Costas e axilizará a ampliación do cemiterio de Vista Alegre

Boiro_urbanismo

  • A Xunta e Concello de Boiro analizan a ampliación do cemiterio municipal de Vista Alegre e a afectación das modificacións da Lei de Costas no municipio coruñés
  • Encarnación Rivas informou ao concello dos avances na tramitación da nova Lei de Costas e dos beneficios que terá para a localidade. Na reunión tamén abordouse o estado do proxecto de ampliación do cemiterio municipal Vista Alegre, que actualmente está pendente da resolución de Urbanismo
  • O pasado 6 de marzo a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia informou favorablemente da modificación puntual do plan parcial que aumenta a superficie de zonas verdes e espazos libres no concello



Boiro, 14 de marzo 2013.- A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, reuniuse tamén esta mañá co alcalde de Boiro, Xoan Xosé Dieste Ortigueira, e o concelleiro de Urbanismo, Fernando García, para abordar diversas cuestións relacionadas co desenvolvemento e planificación urbanística boirense. Dicimos tamén porque recibiu a outro rexedor do PP, o do Porto do Son. No que atinxe a Boiro abordouse a afectación das modificacións da Lei de Costas no municipio; a ampliación do cemiterio municipal de Vista Alegre, que o concello retomou recentemente; e a modificación puntual do Plan Parcial do solo urbanizable de Barraña, que foi informada favorablemente na derradeira Comisión Superior de Urbanismo celebrada o pasado 6 de marzo.


No encontro de traballo a secretaria xeral informou ao concello dos avances na tramitación da nova Lei de Costas, que na actualidade está no Senado para a presentación de enmendas, e dos que beneficios que terá para o concello de Boiro. O alcalde trasladoulle que o concello xa está a traballar a fondo para que unha vez aprobada a Lei de Costas poida solicitar a rebaixa da liña da servidume de protección dos 100 a 20 metros en Escarabote e Cabo de Cruz, e delimitar outros asentamentos costeiros que agora encaixarían como núcleos susceptibles de ser recoñecidos.

No referente ao proxecto de ampliación do cemiterio municipal Vista Alegre o concello de Boiro trasladou a secretaria xeral os antecedentes do mesmo, que actualmente está pendente da resolución de Urbanismo. Encarnación Rivas comprometeuse a axilizar a resolución para outorgar a concesión desta autorización en solo rústico, que xa está a ser analizada polos técnicos autonómicos. O 22 de xullo de 2009, cando inda gobernaba o bipartito Bng e Psoe, íase ampliar ata duplicar o número de nichos. Agora ten 16.000 metros cadrados e está case cheo. Faranse 584 panteóns novos, con cerca de 2.400 nichos. Ía ter un custe de 2,5 millóns de euros a pagar polos 400 propietarios.

Aumento de zonas verdes e espazos libres
O pasado mércores 6 de marzo a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia informou favorablemente da modificación puntual do plan parcial que afecta ao solo urbanizable en Barraña. Alcalde e secretaria xeral analizaron as publicación pendentes no DOG (Diario Oficial de Galicia) e no BOP (Boletín Oficial da Provincia) respecto ao acordo da Comisión. A proposta aprobada supón un aumento das zonas verdes e espazos libres no municipio, así como a reordenación global das edificacións previstas neste plan.

A modificación impulsada dende o concello de Boiro, altera o trazado do vial 16 do plan parcial para adecualo ao trazado do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). A proposta tamén supón a alteración da posición das edificacións da maioría dos rueiros, e a configuración e posición da maior parte dos elementos do sistema de espazos libres e de equipamentos. Sen embargo, non altera a edificabilidade total permitida, xa que mantén os equipamentos e aumenta as contías destinadas a espazos públicos.

Este criterio de ordenación xustifica a ordenación baseada nunha maior permeabilidade visual do ámbito cara o mar e dos espazos libres públicos cara o viario, retirando as edificación da primeira liña do mar a modo de pantalla e apostando por outra configuración máis aberta. Na actualidade o concello de Boiro conta cun PXOM que foi aprobado no ano 2003, ao abeiro da disposición transitoria 3ª da Lei 9/2002 de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUGA).





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical