15.3.13

Noia: o tripartito presenta as contas de 2012 como "a mellor situación económica da historia noiesa"

  • Contan con eliminar as débedas totalmente ao longo deste ano 2013
  • Alcalde e concelleiro de Cultura reuníronse esta mañá na Xunta para abordar as obras do Coliseo Noela, que seguen sen data


O alcalde, Rafael García e os tenentes de alcalde, Marisol Villar (N.O.I.A.) e Bieito González (Bng) na presentación das contas esta mañá no Concello

Noia, 15 de marzo de 2013. O alcalde de Noia, o socialista Rafael García Guerrero, e os tenentes de alcalde Bieito González Domínguez (Bng) e Marisol Villar Ageitos (N.O.I.A) presentaron, en nome do grupo de goberno do Concello de Noia, os resultados orzamentarios do exercicio 2012. O Concello de Noia obtivo un remanente positivo de tesourería total de 3.486.775,58 euros, dos que 2.230.476,91 euros son a parte do remanente para gastos xerais.

Desde o grupo de goberno destácase "o extraordinario resultado orzamentario do ano 2012, xa que hai que ter en conta o contexto,  porque no exercicio pasado se reduciu a débeda do 20% ao 10% amortizando máis dun millón de euros, eliminando as facturas sen consignación (non hai facturas pendentes do ano pasado) e tendo en conta os recortes económicos que outras administracións están facendo na administración local, en especial coa vila de Noia".

O tripartito asegura que esta situación "permitirá que no ano 2013 a débeda viva do concello de Noia sexa do 0%, porque se amortizarán durante o exercicio actual os 973.608,33 euros pendentes que había a data 1 de Xaneiro de 2013". Os representantes municipais sinalaron como principais actores desta boa situación económica aos contribuíntes que "cos cumprimentos das súas obrigas fiscais son os que fan posible que Noia chegue á mellor situación económica da súa historia". Tamén agradeceron aos traballadores municipais que "co seu traballo diario fixeron posible esta realidade impensable a finais dos anos 90".

Esforzo de empresas locais que levaban anos sen cobrar

O alcalde e os concelleiros Bieito Domínguez e Marisol Villar quixeron lembrar "o esforzo que fixeron moitas empresas noiesas, que son proveedores do Concello, e que nos momentos en que o Concello estaba ao borde da creba aguantaron anos sen cobrar, chegando a negociar quitas importantes; nesas dramáticas etapas económicas da adminitración local noiesa grazas á colaboración, esforzo e paciencia dos proveedores noieses permitiu ao Concello saír do enorme burato económico no que estaba mergullado".

COLISEO NOELA: QUEN SABE CANDO?

  • A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural revisará e redactará de novo o proxecto de posta en valor do Coliseo Noela, para a continuación sacar unha nova licitación das obras

O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Educación, Jesús Oitavén, e a directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua, reuníronse esta mañá co alcalde de Noia, Rafael García, para tratar cuestións relacionadas co financiamento das obras no teatro. Dende a Xunta de Galicia solicitóuselle ao Concello de Noia que colaborara economicamente nestas actuacións, pero o responsable municipal comunicou a súa imposibilidade alegando a necesidade de cumprir co seu equilibrio orzamentario.

Finalmente, tras a reunión, a Consellería de Cultura e Educación comprometeuse a revisar o contido do proxecto, actualizalo e con posterioridade proceder á sinatura do correspondente convenio de colaboración. Unha vez estea listo, a Consellería licitará mediante concurso público as obras do Coliseo Noela. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural mantén a súa intención de proceder coas obras de acondicionamento do teatro noiés que non puideron executarse como consecuencia de que a empresa adxudicataria se encontrase nun proceso de liquidación. En ningún momento se fala de datas, polo que dende o Concello van seguir coa quenda de mobilizacións culturais contra este retraso de máis de dous anos, que consideran boicot por ser distinto signo político.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical