8.3.13

Ribeira: case un cento de leiteiras do municipio, homenaxeadas polo Día da Muller

Ribeira, 8 de marzo de 2013.- Foron preto dun cento as leiteiras do municipio que finalmente acudiron á chamada do Concello de Ribeira e que ateigaron por completo o salón de plenos do Consistorio na merecida homenaxe que se lle quixo brindar a este colectivo no Día Internacional da Muller Traballadora.

Presidido polo alcalde Manuel Ruiz, o acto deu comezo coas notas musicais de tres alumnos de saxofón do Conservatorio ribeirense (Amaro Sampedro, Alejandro Sánchez e Laura Isabel Rodríguez), acompañados do mestre deste centro José Fungueiriño.

A continuación, a concelleira de Igualdade Aroa Fernández explicou brevemente as políticas municipais que en defensa da muller e para favorecer a igualdade de xénero desenvolve o Concello, principalmente a través do CIM, e tamén quixo eloxiar o significativo papel que desempeñaron as leiteiras tanto no seo da economía doméstica como dende o punto de vista socializador, ao establecer vínculos entre as distintas familias ás que se levaba o leite.

Un diploma e unha flor

Acto seguido, a psicóloga do CIM, Ángeles Pazos, deu lectura a un fragmento dunha obra de Emilia Pardo Bazán alusivo ao día a día das mulleres leiteiras. Tras volver soar os acordes do cuarteto musical, chegaría o turno de facer a entrega a cada leiteira participante dun diploma e dunha flor como lembranza desta conmemoración -acción realizada polos distintos concelleiros e concelleiras participantes no evento-, en tanto que Manuel Ruiz obsequiou cunha réplica en cerámica do faro de Corrubedo á máis veterana das presentes: Josefa Prego Rego, de 95 anos.

Antes de rematar o acto con máis música, o alcalde pronunciou unha intervención na que apelou ao exemplo dado por todas estas mulleres que con traballo duro foron quen de sacar adiante ás súas familias nunhas condicións moito máis difíciles que as de agora, e avogou por que a sociedade actual tome nota de que os logros se conseguen co esforzo de moita xente. “Todo homenaxe cara vós é pouco”, incidiu.

Así mesmo, Ruiz Rivas informou de que ademais de agasallar a Josefa Prego como a leiteira máis veterana das presentes no acto, nos próximos días ten intención de visitar e obsequiar a outra leiteira que, neste caso, é a maior do municipio: María Saíñas García, que no próximo abril cumprirá 108 anos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical