18.3.13

Ribeira: están a redactar dous documentos para lle plantar cara á violencia de xénero dende as institucións e previla na mocidade

  • A semana pasada houbo dúas reunións nas que se traballou na erradicación da violencia sexista
  • Están implicados profesionais de diversas instancias e os centros educativos do municipio


O Concello de Ribeira coordínase tamén co de Porto do Son e A Pobra para loitar contra a violencia de xénero

 

Ribeira, 18 de marzo de 2013.- O Concello, a través Centro de Información á Muller, celebrou a pasada semana dúas xuntanzas para presentar aos técnicos involucrados o “Itinerario de coordinación interinstitucional en materia de violencia de xénero” e o “Estudo sobre coeducación e violencia de xénero realizado nos centros escolares de Ribeira”.

O “Itinerario de Coordinación Interinstitucional en materia de violencia de xénero” ten como finalidade mellorar os mecanismos existentes de comunicación e de coordinación  entre os profesionais dos distintos ámbitos de actuación (policial, sanitario, xurídico e social),  permitindo deste xeito,  unha atención integral en cada caso, así como o establecemento de pautas de actuación estruturadas e homoxéneas máis efectivas na intervención coas mulleres vítimas de violencia de xénero. 

Este acordo foi presentado  nunha primeira reunión co persoal dos centros de saúde do Concello de Ribeira, con presenza da traballadora social do centro de saúde, o persoal de enfermería e persoal médico: profesionais, todos eles, que interveñen directamente coas mulleres que están a sufrir situación de violencia. Esta reunión serviulles para coñecer o Itinerario de coordinación interinstitucional e ademais puideron coñecer as funcións do CIM.

Unha segunda reunión tivo lugar na antiga Aula multimedia sita no edificio da confraría de pescadores onde foron convocados os profesionais dos ámbitos policial, servizos sociais, sanitario, xudicial e da educación e que tivo por obxecto presentar  tanto o citado “Itinerario de coordinación interinstitucional en materia de violencia de xénero” e o “Estudo sobre coeducación e violencia de xénero realizado nos centros escolares de Ribeira”, que contou coa participación do profesorado, equipos directivos e departamentos de orientación e alumnado de distintos centros educativos do municipio. Dito estudo tiña entre os seus obxectivos coñecer as actitudes e grao de coñecemento do alumnado e profesorado sobre o sexismo e a violencia de xénero.

Para a elaboración do documento realizáronse uns cuestionarios que foron cubertos por unha mostra representativa de alumnas e alumnos de 3º e 4º da ESO e polo profesorado correspondente dos centros escolares de Ribeira, Instituto nº 1, Instituto Leliadoura, colexio Bayón, colexio da milagrosa, colexio Sagrado Corazón e colexio Galaxia.

Os resultados do estudo foron presentados nunha charla taller a todo o alumando de 3º e 4º da ESO e tamén nunha reunión co profesorado celebrada o martes 12. Tanto no obradoiro co alumnado como na  reunión co profesorado presentáronse os datos mais significativos do estudo así como algunhas das conclusións:

  • Carencias na calidade e cantidade de información e coñecemento sobre aspectos básicos da violencia de xénero no seu entorno inmediato.
  • Importante grao de sexismo nas súas estruturas de coñecemento  de referencia (crenzas estereotipadas de xénero), sendo especialmente vulnerables aos efectos do sexismo benévolo.
  • Leves dificultades para percibir sinais que alertan ante un posible comportamento de abuso ou maltrato; e moi severas cando se trata de maltrato encuberto e psicolóxico.
  • Elevado grado de mitificación do amor entre dúas persoas, o que fai mal interpretar as relación de parella (destacando máis entre rapaces que entre rapazas).

Concluíuse ademais a importancia de seguir a traballar na prevención da violencia de xénero a través da coeducación desde idades moi temperás, tamén se falou da importancia de dar a coñecer ao alumnado toda a información necesaria para responder as súas inquedanzas e a temas en relación co sexismo e violencia de xénero que moitas veces conlevan confusión entre o alumnado.

Para a elaboración dos traballos xa se realizaron dúas mesas de coordinación nas que participaron o Centro de Información á Muller, representantes de Servizos Sociais, Policía Local e Policía Nacional de Ribeira, Xulgado nº 3, Fiscalía, Colexio Oficial de Avogacía, Centros educativos, Centro de Saúde de Ribeira, Hospital Comarcal da Barbanza, Unidade de condutas aditivas, Servizos Sociais do Concello de Porto do Son e A Pobra do Caramiñal e Unidade Contra a Violencia da Muller da Subdelegación do Goberno pola Provincia da Coruña. 

Está previsto que nas próximas datas se realice unha nova mesa de coordinación para garantir unhas pautas estruturadas e homoxéneas e para conseguir que as persoas afectadas por violencia de xénero reciban unha atención integral no concello e os seus arredores.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical